Finalizou nas augas de Río de Janeiro o Campionato Intergaláctico que os membros do Equipo Olímpico da Real Federación Española de Vela das clases 49er Masculino e FX Feminino, levaban disputando desde o pasado martes.
Boas sensacións, como declara Pepe Lis, adestrador de Támara Echegoyen e Berta Betanzos (Movistar) RCN Sanxenxo/RCM Santander, que a pesar de perder o liderado, ocuparon finalmente a quinta praza, cuns resultados moi apertados en puntos respecto dos seus máis directas rivais en competición. Non en balde, terminan a súa actuación carioca cun excelente quinto posto, o que as fai acredoras de estar no Top Ten mundial da especialidade do FX Feminino. Galega e cántabra rexistraron como saldo final 69 puntos, seis máis que o posto bronce e 17 que as vencedoras, que foron as danesas Jena Mai Hansen e Katja Salskou-Iversen.
En canto á participación masculina do 49er, os Alonso, Federico e Arturo (O Gaiteiro) do Real Club Astur de Regatas, quedaron coa sexta praza, o seu mellor resultado final en Brasil, tras a conclusión a semana pasada do Suramericano. Os
asturianos sumaron 102 puntos.
A Paz, Carlos e Antón (Deporte Galego-Dip. Pontevedra-Zhik-Cousin) do Liceo Casino de Vilagarcía, culminaron no décimo quinto lugar da táboa, con 138. Os neozelandeses Peter Burling e Blair Tuke, levaron esta cita con 19 puntos, demostrando un excelente estado de forma.
Nas próximas horas espérase o regreso do seleccionado español, tras cargar o colector de volta para Santander, a súa base operativa. A partir de aquí, un merecido descanso despois de estar tres longas semanas adestrando e competindo nos campos de regata destinados para os Xogos Olímpicos de Río 2016.




