Inicio Pontevedra Todo disposto para o arranque da Final do Campionato de España de...

Todo disposto para o arranque da Final do Campionato de España de Cruceiros

O Concello de Baiona ofreceu unha recepción no Parador ás tripulacións que tomarán parte no Trofeo Pobos Colombinos de España

A saída á primeira proba do día podería verse atrasada á espera da dura fronte que entrará polo Atlántico

Todo listo para o arranque da Final do Campionato de España de Cruceiros -Trofeo Pobos Colombinos de España, que a partir das 12.00 horas de hoxe sábado, terá o seu primeiro bocinazo ou Top de saída na auga.

O Concello de Baiona ofreceu onte unha recepción oficial ás tripulacións finalistas da competición, nun extraordinario marco de historia e beleza paisaxística como é o Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar, onde o alcalde da vila baionesa encargouse de ser o anfitrión do acto. Jesús Vázquez Almuiña destacou a presenza e a importancia da Vila de Baiona no deporte náutico, e o sentido que esta regata ten no transcurso histórico de navegación xunto a Palos de la Frontera e Santa Fe de Granada

Final do Campionato de España de CruceirosNa mesa presidencial tamén estiveron o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, en representación tamén da institución organizadora, a Real Federación Española de Vela; o Vicecomodoro do Monte Real Club de Iates de Bayona, Alejandro Retolaza; o concelleiro de Actividades Marítimas de Baiona, Raul Costas; a concelleira de Deportes, María Jesús Martíns; e o Técnico do Comité de Cruceiros da Real Federación Española de Vela, Rafael Bonilla.

O director da regata, Fernando Giraldo, foi o encargado de explicar os detalles técnicos do campionato, así como de anunciar un primeiro cambio de plans no cronograma das probas, atrasando, con toda probabilidade, a saída á primeira manga do día de  hoxe sábado, debido á dura fronte meteorolóxica que entrará polo Atlántico, deixando abundante auga e fortes refachos de vento. A intención de Giraldo e do seu Comité é, se se cumpren os partes, estar a navegar contorna á unha ou dúas do mediodía, unha ou dúas horas máis tarde do previsto.

No Parador de Turismo de Baiona víronse moitas caras coñecidas do ámbito velístico español, entre as que destacaban o vigués Pablo Igrexas, que se fai cargo da roda do Movistar, representando á Zona Mediterránea. O veleiro armado por Pedro Campos e cuxa grímpola é o Real Club Náutico de Sanxenxo, enrola unha excelente calidade de tripulantes como Alberto Vello, Miguel Riveiro, Óscar González, Iago Carreira ou Fernando Rivero.

Polo Icue IV, que representa á Zona Sur, o patrón será Javier Serrano, regatista de gran nivel que actualmente se encarga da preparación técnica do Equipo Paralímpico Iberdrola de Vela, xunto ao seu director, Alfred Buqueras. O barco que navega polo Club de Regatas de Valencia e cuxo armador é Carlos Sáez, levará a bordo a Florian Kreis, Cristina García, Juan Calvo Boronat, Javier Valereo e Anxo Sáez, tendo por reservas a Iván Palmeiro e ao propio Carlos Sáez.

Pola Zona Canaria, é o Canarias Explosivo, de Lucio Pérez, do Real Club Náutico de Tenerife, cuxo patrón será o destacado regatista Javi Padrón, acompañado de Alejandro e Cristina Pérez, Manuel Delgado, e tres reforzos que, de maneira habitual navegan a bordo, o malagueño afincado en Vigo, Laureano Wizner, e os coruñeses Roi Álvarez e Jesús Pintos.

Pola Zona Cantábrica será o Salem, de Carlos Martón, do Real Club Marítimo Santander, estará navegado ao temón polo internacional Pichu Torcido, levando como tripulantes a Paula Martón Bedía, Manuel Carrión, César Pena, Raul Lombó e ao propio armador, Carlos Martón.

Respecto da Zona Galicia, os Aceites Abril, dos irmáns Jorge e Luís Pérez-Canle, do Club Marítimo de Canido, a cana recaerá sobre o mozo Eduardo Reguera, cunha tripulación xuvenil pero con moita traxectoria a bordo, como é a de Luís Bugallo, Gerardo Prego, Xullo Fernández, Antón Calo e Miguel Gómez.

En canto á tripulación convidada, que ocupará o sexto Fisrt Fígaro, por indicación do Monte Real Club de Iates de Bayona, e cuxa coordinación recaeu na figura da olímpica Sandra Azón, a responsabilidade ante a cana asúmea César García Amor, reforzado na navegación por Olalla Cabo, Ildefonso Díaz, Alicia Riveiro, Javier Juncal e Sara Porta.

Gran ambiente en Baiona, con regatistas de moi alto nivel, sobre todo tendo en conta que esta é a primeira cita destas características que se celebran en España.

A regata terá un sistema especial de seguimento interactivo que se poderá enlazar desde a Web de Desmarque en www.desmarque.es

A Real Federación Española de Vela, en colaboración co Monte Real Club de Yates de Bayona, a Federación Galega de Vela, Paradores, Teledeporte e Panorama Vela, baixo o patrocinio do Excmo. Concello da Real Vila de Baiona, son os organizadores da Final do Campionato de España de Cruceiros de Zonas Marítimas – Trofeo Pobos Colombinos de España.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies