spot_img
InicioPontevedra e ÁreaFemupo e as súas accións no 2021: exemplo da fortaleza do asociacionismo...

Femupo e as súas accións no 2021: exemplo da fortaleza do asociacionismo feminino a prol da igualdade

Femupo e as súas accións no 2021: exemplo da fortaleza do asociacionismo feminino a prol da igualdadeA Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra consolida o seu traballo na sensibilización, información e formación na loita contra a violencia de xénero

O 2021 tocou á súa fin e a Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) fai balance. A entidade valora este ano como un período de grande actividade na que se reforzaron as accións desenvolvidas desde a federación e as súas asociacións socias, así como as colaboracións coa administración e diversos colectivos sociais e medioambientais.

Mantendo o foco na loita pola igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, Femupo levou a cabo actividades formativas como as II Xornadas Xurídicas VIOGEN FEMUPO, coas que achegou formación especializada e actualizada ás/aos profesionais que traballan contra a violencia machista. Tamén desenvolveu o proxecto + Ciencia en feminino, un conxunto de talleres deseñados para derribar estereotipos entre a rapazada de seis a doce anos da provincia de Pontevedra e favorecer a aprendizaxe en igualdade, fomentando as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) entre as nenas.

A entidade mantivo sempre esa escoita activa ante as peticións de asesoramento e información e desde aí naceu o proxecto Panacea (a que todo o cura) en colaboración co Centro Anarela. A través del ofrécese atención psicolóxica a vítimas de violencia de xénero en Tui, onde non existe un servizo gratuíto deste tipo. A iniciativa conta co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Igualdade.

O 2021 acolleu tamén dous importantes eventos, a celebración do III Encontro Provincial de Asociacións de Mulleres de Pontevedra en xullo, organizado por Mulleres En Igualdade de Poio (MEI Poio), e do II Congreso FEMUPO en setembro, baixo o título ‘Protocolos de atención a vítimas de violencia de xénero’. Tui foi o escenario para este encontro, no que se conmemorou o segundo aniversario da federación, e no que participou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a presidenta da Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM), Montserrat González; a letrada do Centro de Información á Muller de Mos, Ana Rodríguez, ademais da presidenta de Femupo, Raquel Touriño, e a presidenta da Asociación Mulleres En Igualdade de Tui (AMEI Tui), Anabel Solla. O II Congreso FEMUPO contou cunha trintena de asistentes, pertencentes ao tecido asociativo da federación e do Baixo Miño, así como axentes e veciños e veciñas do concello de Tui.

Ao longo do 2021, Femupo puxo en marcha diversas accións co obxectivo de sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre a problemática social da violencia xénero. Desenvolvéronse, por exemplo, charlas en Pontevedra, da man da Asociación Mulleres En Igualdade de Vigo (AMEI Vigo) e APE Galicia, ou en Silleda, polo Día da Muller Rural, poñendo en valor o asociacionismo feminino como rede de apoio e de traballo en colectivo desde a que loitar pola igualdade.

Durante o mes de novembro, co motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a federación confeccionou un programa moi completo. A primeira actividade foi a campaña informativa ‘Femupo Preto de Ti’, que levou á entidade a percorrer as rúas de Redondela, O Porriño, Oia ou Gondomar co obxectivo de darlle a coñecer á veciñanza o traballo de Femupo e resolver dúbidas e preguntas sobre a violencia de xénero. Tamén desde as entidades asociadas, en colaboración coa federación, organizaron diversas iniciativas. Así foi a ‘I Andaina contra a violencia de xénero Bueu’, impulsada pola Asociación de Mulleres en Igualdade Ría de Pontevedra (AMEI Ría de Pontevedra), a acción de concienciación ‘Que o único que che rasgue a pel sexa unha luffa’ liderada por Mulleres En Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas (MEI Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas) e a andaina contra a violencia de xénero, promovida pola Asociación Mulleres En Igualdade de Tui (AMEI Tui).

Novembro tamén acolleu o ‘Acto de Conmemoración do Día Contra a Violencia de Xénero’ da Cañiza, organizado por Femupo e que contou coa intervención da activista e socia de MEI Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas, Milagros Domínguez, e a ‘Carretilla violeta’ un contacontos pola igualdade no concello de Carballo, unha acción do Centro de Información á Muller da localidade que contou coa participación desta entidade.

O acto central da programación, ‘Na lembranza, da raíz á copa’, celebrouse en Cerdedo-Cotobade. Consistiu nunha plantación de árbores, unha por cada muller asasinada pola súa parella ou exparella en España no 2021. “Con esta plantación, hoxe a aquí, consigamos, que dalgunha maneira, a pesar do que lles arrebatou esa persoa maltratadora e machista, elas poidan seguir vivindo. Lembremos que a loita contra a violencia de xénero é unha loita de toda a sociedade”, afirmaba Raquel Touriño, presidenta de Femupo.

A entidade remataba o ano levando os ‘Contos en igualdade no Camiño’ polos concellos pontevedreses co apoio da Xunta de Galicia e o Xacobeo. Así, a Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra confirma no 2021 a consolidación do seu proxecto e a fortaleza do asociacionismo feminino a prol da igualdade, ofrecendo formación, información e asesoramento á cidadanía para construír unha sociedade na que as mulleres poidan vivir libres e na que nin a discriminación nin a violencia de xénero teñan oco. Con este obxectivo seguirán a traballar no 2022, conscientes de que nesta loita toca ir da man, xuntas e xuntos.

- Publicidade -spot_img