spot_img
InicioBaixo MiñoA Guarda'Famtrip' polo territorio do Miño para convertelo nun ‘destino TOP' de natureza...

‘Famtrip’ polo territorio do Miño para convertelo nun ‘destino TOP’ de natureza e patrimonio

'Famtrip' polo territorio do Miño para convertelo nun ‘destino TOP' de natureza e patrimonioUnha ducia de representantes de comerciantes por xunto, axencias, ‘influencers’ e `blogguers´ de viaxes visitan esta semana os concellos miñotos galegos e portugueses grazas a unha iniciativa do AECT Rio Minho

Conseguir que o río Miño sexa coñecido como un ‘destino TOP’ de natureza e patrimonio entre as persoas viaxeiras. Ese é o obxectivo da ‘famtrip’ organizada polo AECT Río Miño e na que durante esta semana participarán representantes de comerciantes por xunto, axencias de viaxes, influencers bloggers especializadas na promoción turística.

A ‘famtrip’ –explica o vicedirector do AECT Uxío Benítez– pretende familiarizar e atraer aos operadores turísticos achegándoos a cada recuncho do territorio miñoto para que vivan a experiencia de coñecelo como persoas viaxeiras, en primeira persoa, e despois poidan ofrecelo a persoas que buscan experiencias coincidentes.

A presentación do Miño transfronteirizo a influencers organizada polo AECT durará toda a semana. No día de hoxe as actividades estiveron dirixidas a un grupo de xornalistas, influencers e bloggers moi activos e dunha grande experiencia tanto en medios estatais como internacionais. É o caso de Alberto Ribas, coñecido como ‘Alvientooo’, finalista en diferentes premios estatais de influencers de turismo; Daniel Keral, responsable de Un viaje creativo, unha web que recibiu o Premio Internacional de Comunicación Turística en 2017 como mellor blog de revelación de viaxes; Eva Abal, encargada de Una idea de viaje e colaboradora de diferentes revistas e na páxina Hostelworld; ou os representantes do suplemento de viaxes Fugas do Diario Público de Portugal.

A xornada foi do máis intensa e comezou cunha visita á Bienal de Vilanova de Cerveira, para despois realizar un paseo en barco eléctrico polo río Miño observando a fortaleza de Goián e o Castelo de Cerveira, coñecer a historia da zona arraiana, así como a flora e fauna que existe no río, e presentando a rede de 400 quilómetros de sendeiros verdes.

Despois continuou por unha visita guiada aos Muíños do Folón e Picón no Rosal, onde tamén se fixo fincapé no patrimonio inmaterial; visitouse a adega e viñedos de Terras Gauda cun aperitivo de produtos locais para dar a coñecer a gastronomía da zona; subiuse ao Monte Santa Trega cun guía oficial; visitáronse ás redeiras de Atalaia na Guarda que traballan para dignificar e regularizar o seu oficio; e, finalmente, fíxose un traxecto pola ecovía de Caminha en bicicleta ata a praia e unha cea no coñecido restaurante da Casa das Velhas.

No día de mañá comezará o ‘famtrip’ para as operadoras de comerciantes por xunto e axencias de viaxes, das que hai representacións de Andalucía, Cataluña, Lisboa e Porto, Braga, Galiza e incluso algunhas de ámbito internacional que nestes momentos de COVID-19 buscan redeseñar a súa oferta cara o mercado de destinos de proximidade. Entre elas hai especialización en produtos non masificados, de calidade e a medida, alternativos, con aloxamentos especiais, ou de viaxes de natureza, e dirixidos a públicos de mercado europeo, principalmente Francia, Alemaña, Suíza, Holanda, Bélxica ou Austria.

Neste caso, as visitas prolongaranse entre o mércores e o venres, incluíndo tamén algunhas recepcións institucionais nos concellos da zona e percorridos polos municipios anteriores e tamén por Valença, Tui, Arbo, Monçao.

O ‘famtrip’ está organizado polo AECT Rio Minho como un fito de promoción do destino e a marca Rio Minho co obxectivo de desenvolver o produto turístico transfronteirizo baseado no patrimonio natural e cultural dentro do proxecto de preservación e valorización do territorio ‘Visit Rio Minho’, que baixo o lema ‘Un río, dous países, grandes experiencias’, está financiado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

- Publicidade -spot_img