A sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo abre esta mostra de Jorge Perianes, quen se alía co proxecto social CULTURA POR ALIMENTOS para propornos unha espectacular instalación concibida e producida para este programa, inspirada na industria conserveira da cidade de Vigo e coa que pretende render homenaxe ás mulleres traballadoras do sector.
Unha proposta expositiva multidisciplinar articulada arredor dunha espectacular instalación de Jorge Perianes creada ad hoc para esta ocasión. Complementada con elementos gráficos e audiovisuais vinculados co ámbito da industria da conserva e con achegas textuais do propio artista, esta exposición conmemora o primeiro aniversario do programa de impulso social «Cultura por Alimentos».
«Conserva» é unha creación alicerzada no principio de solidariedade e na colaboración, con quen o máis o necesita, mediante a doazón de alimentos non perecedoiros, simbolizados nesta instalación polas latas de conserva. Cunha recreación nun espazo aséptico onde contrasta o brillo dourado das latas.
Coa vocación de propiciar unha exposición con diferentes lecturas e de continuidade alén da propia instalación, o Museo ANFACO-CECOPESCA contribuíu a enriquecer a mostra mediante a achega de material gráfico e audiovisual de arquivo relativo á historia da industria da conserva en Galicia, un ámbito fundamental para o desenvolvemento socioeconómico do país con protagonismo case exclusivo das mulleres nas súas cadeas de produción. Ademais, e co propósito de explicar a xénese e o desenvolvemento da peza central, Jorge Perianes recompila nunha das seccións as lecturas e os debuxos, bosquexos ou traballos preparatorios nos que alicerzou o seu deseño final, que debulla noutra área da mostra cun texto analítico.




