spot_img
InicioVigo e áreaVigoO violenchelista Guillermo Pastrana abrirá a nova tempada da Clásica

O violenchelista Guillermo Pastrana abrirá a nova tempada da Clásica

O violenchelista Guillermo Pastrana abrirá a nova tempada da ClásicaO concerto “Elgar” permitirá descubrir unha escoita británica no marco dunha tempada dedicada a poñer a escoita no centro da acción

Revista COUSAS DE nº14

A Orquesta Clásica de Vigo prepara xa unha nova temporada que xirará arredor das “Escoitas” e para o primeiro concerto contará co solista Guillermo Pastrana, que interpretará o “Concerto para violonchelo e orquestra”, do compositor británico Edward Elgar. Trátase dunha obra complexa, visceral e única. “É un orgullo poder abrir un novo ciclo de concertos con Guillermo Pastrana e que, ademais, interprete unha das obras máis fermosas compostas para violonchelo”, sinala Manuel Martínez Torres, director técnico da Clásica.

O primeiro concerto da tempada da Clásica terá lugar o sábado 22 de outubro, ás 20.30h no Teatro Afundación de Vigo. A cita será a antesala do resto do programa que a orquestra presentará proximamente e que ten como fío condutor a escoita e a súa recepción como centro da acción.

O concerto para violonchelo e orquestra, composto en 1919 por Edward Elgar, é unha das pezas máis recoñecidas para este instrumento, sobre todo tralo paso na década dos anos 60 do século pasado polas mans de Jacqueline du Pré, artista que elevou esta obra á súa categoría actual. O programa do concerto completarase coa interpretación da “Suite xaponesa” de Gustav Holst, unha peza bastante inusual deste compositor, tamén británico. Así, as dúas obras conforman unha visión do mundo desde unha escoita británica.

Para abrir o concerto, a Clásica estrea “Tempestas”, peza composta polo galego Ismael Amoedo, artista gañador no ano 2019 do certame CreaClásica, nunha aposta da Orquesta Clásica de Vigo pola creación contemporánea.

“As distintas escoitas mostrarán, coma sempre, un punto de vista diverso e vivo dese paraugas complexo que é a música sinfónica. Nesta nova tempada queremos escoitar obras tan diversas en estilos como en procedencia e, sobre todo, poñer en valor a impronta da nosa orquestra sobre elas”, avanza Manuel Martínez Torres.

Programa do concerto

ELGAR | 22 de outubro, 20:30 horas |Teatro Afundación de Vigo

Tempestas, de Ismael Amoedo Collazo (Estrea)

Concerto para violonchelo e orquestra op. 85, de E. Elgar

Suite xaponesa op. 33, de G. Holst

Solista: Guillermo Pastrana

Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava

Venda de entradas

As entradas o concerto de “Elgar” xa están á venda en Ataquilla.com. Co fin de promover a asistencia de todos os públicos, a Clásica decidiu reducir os prezos. Para este concerto, as entradas custan desde 5 euros a 14 euros segundo a butaca. As entradas na billeteira antes do evento custarán 5 euros para menores de 30 anos.

- Publicidade -spot_img