spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaRedondela presenta a XXXVII Festa do Choco, a festa gastronómica que non...

Redondela presenta a XXXVII Festa do Choco, a festa gastronómica que non debes perderte

redondela-presenta-a-xxxvii-festa-do-choco-a-festa-gastronomica-que-non-debes-perderteA XXXVII Festa do Choco celebrarase en Redondela do 10 ao 12 de maio. Na presentación do evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, participaron a alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, así como unha representación da Confraría de Redondela e dos hostaleiros e hostaleiras que ofrecerán  durante estas xornadas este exquisito cefalópodo elaborado con diferentes preparacións. Na presentación participaron tamén algúns dos hostaleiros que fundaron esta festa, como Manolo Conde e José Manuel Durán.

Revista Cousas de nº21

Esta edición conta cunha ampla e variada programación cultural, na que o público poderá desfrutar de actuacións musicais, baile e actividades variadas durante os tres días de celebración. “Por suposto, durante estas xornadas, o noso protagonista será o Choco de Redondela, o noso produto por excelencia, o mellor choco do mundo, capturada nas augas da Enseada de San Simón”, explicaba Digna Rivas. Un ano máis, e xa van catro, repítense as Xornadas Gastronómicas do Choco, nas que participan diferentes establecementos da vila do 6 ao 12 de maio. Tanto na carpa do campo da feira como nos locais de hostalaría, Redondela ofrecerá estes días as mellores receitas preparadas con mimo, pratos que queren mostrar a tradición e a innovación, con pratos típicos como a empanada de millo, o arroz con chocos ou os choquiños na súa tinta e tamén propostas orixinais como o pan bao de choco ou a pizza de choco.

Entre os participantes desta edición da Festa do Choco atopamos na carpa a: VIGO E OS CATRO ELEMENTOS, RESTAURANTE O TRANQUILO, RESTAURANTE CASA CHANO, PANADERIA LUISA, PANADERÍA ALEJANDRA, PALADARQUESO e ANAQUEL GOUMERT.

Os establementos que participan nas IV Xornadas Gastronómicas son NOVO ROYALTY, A COVA, PIZZERIA BOS AIRES e PAPAGAIO BISTRÓ.

A rexedora destacou tamén a participación do alumnado do Obradoiro de Hostalaría “Redondela TIC III”, que serán os encargados dun “Showcooking” o sábado, onde amosarán en directo a elaboración de varios pratos. “Deste xeito poñemos tamén en valor o traballo dos nosos mozos e mozas, que se están a formar para ser os futuros profesionais da hostalaría de Redondela”, engadiu Rivas.

Igual que nos últimos anos, a empresa local Eurored é a encargada de engalanar as rúas para a celebración con redes e outros aparellos mariñeiros. Digna Rivas destacou o traballo que fai Eurored neste sentido e agradeceu “aos seus propietarios e ao seu director a colaboración e axuda que nos adican cada ano”. Para rematar, Digna Rivas quixo “agradecer a todas as persoas que fan posible esta festa, xa que a colaboración entre a veciñanza, os negocios locais e o Concello é moi importante para que esta festa gastronómica sexa un éxito e consolide a Redondela como un referente na promoción dos produtos do mar galegos”. “O choco é o produto de Redondela por excelencia, somos coñecidos como choqueiros e choqueiras en todo o mundo, e iso é posible grazas ao gran traballo dos mariñeiros e mariñeiras da Confraría de Redondela que traen do mar este excelente produto”, engadiu Rivas.

Como complemento a exaltación gastronómica do choco de Redondela, a festa conta cunha ampla programación de actividades paralelas. A música tradicional estará presente coas actuacións de grupos como Airiños de San Simón, Tanto os Ten e O Carballo das Cen Pólas. Non faltará a verbena,que arrancará xa o venres coa gran orquestra Combo Dominicano e o domingo Gran Parada. A aposta musical para a noite do sábado pasa por U2 Zen Garden, grupo italiano considerado o mellor tributo á banda irlandesa. Outras propostas locais como a Orquestra de Saxos, a Banda de Música de Chapela, a Rondalla de Redondela e a sesión DJ con Rodri Vegas & Enter completan a oferta musical “que aposta polo talento local e galego, como facemos sempre, porque temos moitos e moi grandes artistas”, apuntou Rivas.

Programación XXXVII Festa do Choco

 

Venres 10

Ás 19.30 horas terá lugar a inauguración e apertura da carpa de degustación.

Ás 20.00 horas poderase gozar co concerto da Orquestra de Saxos.

Ás 23.00 horas, verbena amenizada pola orquestra Combo Dominicano no campo da feira.

Sábado 11

Ás 10.30 horas procederase á apertura da carpa de degustación.

Ás 12.30 horas terá lugar a actuación do grupo de baile e gaitas Airiños de San Simón. Ás 13.00 “Showcooking” a cargo do alumnado do Obradoiro de Hostalaría e                     Comunicación “Redondela TIC III”

Ás 16.30 horas terá lugar a X Scooterada Vespartana. Saída da praza de Ribadavia.

Ás 20.00 horas concerto na carpa do campo da Feira do grupo Tanto Nos Ten

Ás 23.00 horas o campo da feira acollerá o concerto de U2 Zen Garden

Ás 01.15 Sesión DJ no campo da feira con Rodri Vegas & Enter

 

Domingo 12

Ás 10.30 horas procederase á apertura da carpa de degustación.

Ás 11.30 horas pasarrúas coa Banda de Música de Chapela

Ás 12.30 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo do actor, cómico e presentador            Rafa Durán

Ás 13.00 horas, actuación do grupo de gaitas do Carballo das Cen Pólas na carpa do campo da feira.

Ás 18.00 horas terá lugar o concerto da Rondalla de Redondela na carpa

Ás 21.00 horas concerto da orquestra Gran Parada no campo da feira

Rutas en barco: viaxes á illa de San Simón e visita á illa

O sábado e o domingo organízanse viaxes á illa de San Simón ao prezo de 5 euros

Horarios sábado día 11

Ás 12:00 h saída dende o peirao do museo Meirande

Ás 16:30 h saída dende o porto de Cesantes.

Ás 17:30 h dende o porto de Cesantes.

Horarios domingo día 12

Ás 12:00 h saída dende o peirao do museo Meirande

Ás 16:00 h saída dende o porto de Cesantes.

Ás 17:00 h dende o porto de Cesantes.

Venta de entradas no museo Meirande (986 458 891) e na oficina de turismo de Redondela (986 101 713). En caso de esgotarse as prazas a navieira ofertará novas visitas a través da súa páxina web www.crucerosangel.com

- Publicidade -spot_img