spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraÉxito absoluto dos baños de bosque do programa “Bosques terapéuticos" da Deputación...

Éxito absoluto dos baños de bosque do programa “Bosques terapéuticos” da Deputación de Pontevedra

Cunha participación de 450 persoas, “Bosques terapéuticos” consolídase como a mellor alternativa para afondar na natureza e relaxar a mente

Os baños de bosque do programa “Bosques terapéuticos”, a iniciativa sostible e medioambiental que puxo en marcha este ano a Deputación de Pontevedra por diferentes espazos naturais da provincia, conseguiu un éxito absoluto tralo estudo realizado entre as persoas participantes no programa. Deste xeito, na enquisa remitida ás e aos participantes o 80% valorou a actividade cun 10 sobre 10 e fixeron fincapé na súa “satisfacción total” coa iniciativa provincial.

“Bosques terapéuticos”, que contou cunha participación de 450 persoas, consolídase así como un referente para establecer unha conexión íntima co medio natural, relaxar a mente e coñecer elementos patrimoniais da paisaxe da provincia pontevedresa como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. O programa, que se presentou con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente e rematou no Día Mundial do Turismo, ofertou un total de trinta visitas guiadas en grupos de 15 persoas polos parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Pontearas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e a Costa de Oia e a Serra da Groba (Oia). Neste eido, elixíronse espazos que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación de Pontevedra nos últimos anos.

Os baños de bosque, técnica procedente de Xapón, está recomendada para todo o mundo xa que ten beneficios para o cerebro ao producir máis felicidade e reducir o estrés e risco de padecer demencia, para os ollos polo seu efecto relaxante e restaurador,  para o corazón ao reducir a tensión arterial e diminuír o ritmo cardíaco, para o sistema dixestivo, o sistema inmunitario e para aumentar a esperanza de vida.

- Publicidade -spot_img