Estrearase ás 17:00 horas na web www.arquivoaudiovisualnigran.org empregando a canle de Youtube do Concello. O vídeo forma parte da serie ‘Nigrán na memoria’
O Concello de Nigrán estreará este sábado 20 de Maio ás 17:00 horas na súa canle de Youtube o primeiro dos tres documentais da serie ‘Nigrán na Memoria’, o correspondente a Rosa de Malde, derradeira muiñeira de Camos. A curta, de 20 minutos de duración e coa seguinte ligazón https://youtu.be/mqUJbEZ_moQ será pendurada a súa vez na web do Concello www.arquivoaudiovisualnigran.org, creada no 2021 co obxectivo de recuperar e preservar o pasado máis recente do municipio e, por outra banda, difundilo (ao mesmo portal se subirá proximamente o da última redeira de Panxón, Rosalía González, estando xa o da campaneira Esther Nande).
“Ao igual que temos un arquivo histórico de imaxes de Nigrán, agora estamos a documentar oficios, tradicións e costumes que están desaparecer e que forman parte da nosa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “é un traballo contrarreloxo para chegar a tempo a de recoller en primeira persoa os relatos sobre o patrimonio material e inmaterial do municipio”. Neste sentido, o mes pasado o Concello estreaba ‘A memoria da auga’, outro documental de relatos sobre a singular actividade muiñeira na parroquia de Chandebrito (tamén dispoñible en www.arquivoaudiovisualnigran.org).
No 2022 a UNESCO declarou o toque manual de campás en España como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade e, precisamente, Esther Nande e a única campaneira en activo do Val Miñor, comarca na que esta tarefa recaían tradicionalmente nos homes. “Levo 40 anos de oficio en Parada (Nigrán), empecei porque o meu fillo era sacristán e para que el non perdera cole.
A señora Esperanza, que vivía fronte á Igrexa, foi a que me ensinou”, explica Nande neste documental, onde amosa algúns dos diferentes toques, como poden ser tocar a morto (distinguindo home ou muller), chamada á Misa, días de Pascua… “O único que eu nunca tiven que tocar é a morte dun recién nacido”, resume ao tempo que aclara que “non se toca igual en Parada que en Camos, que en San Pedro”, lugares todos onde as campás funcionan xa de modo automático e non manual. “É un oficio moi preso e hai que estar forte”, resume.