A Festa do Peixe Espada que organiza a Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU) arrinca mañá venres no porto da Guarda e desenvolverase ata o domingo.
Distintos restaurantes da Guarda, servirán diferentes propostas de pratos de peixe espada que o público poderá degustar desde 3 euros. O peixe espada será un ano máis o gran protagonista da celebración que este ano chega á súa décimo cuarta edición.
A Festa do Peixe Espada arrinca mañá, ás 19:00h, con música, da man da charanga ‘Cantos Somos’. Xa ás 20:00h., chega un dos momentos máis esperados: o pregón da festa que este ano corre a cargo das integrantes do club de balonmán Mecalia Atlético Guardés. Despois presentarase o II Campionato Galego Inclusivo de Náutico Adaptado da man do Club Deportivo Sen Amarras. A xornada do venres pecharase co esperado concerto ‘Tributo Rock & Pop’ da Agrupación Musical da Guarda.
Durante os tres días que dura a festa, o público poderá gozar de actividades infantís e o mercado artesanal.
Gañadora do concurso de relatos ‘Homes e mulleres do mar’
Despois da lectura do pregón entregarase o premio do concurso de relatos ‘Homes e Mulleres do Mar’ que gañou a mosense de 12 anos María Calvar co texto “Amores mariñeiros”. O xurado, formado polos escritores Ledicia Costas, Iria Misa e Diego Giráldez, recibiu traballos chegados de toda Galicia.
Tamén se entregará o premio a Mikaela Rodríguez Martínez, a gañadora do concurso de carteis no que participaron nenos dos centros escolares da zona.
Para a celebración da festa, os palangreiros guardeses contan coa colaboración do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, o Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra.



