Inicio Baixo Miño A Guarda Deputación e os concellos da fronteira con Portugal prevén acadar 5 millóns...

Deputación e os concellos da fronteira con Portugal prevén acadar 5 millóns de euros dos fondos europeos para poñer en valor o río Miño

30-10-uniminho-originalA Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente anunciarán a vindeira semana os proxectos que incluirán na candidatura

O deputado responsable de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, anunciou onte que o organismo provincial, xunto cos concellos pontevedreses da fronteira con Portugal e a Comunidade Intermunicipal (CIM) Alto Minho, solicitarán fondos europeos na convocatoria do programa Interreg V A-POCTEP. O obxectivo é acadar aproximadamente cinco millóns de euros de financiamento para poñer en valor o patrimonio natural e inmaterial do río Miño e promover unha oferta estruturada e organizada do territorio transfronteirizo como un destino natural atractivo para turistas e veciños. A candidatura galaico-portuguesa levará o nome de Ecotur Uniminho 2.0.

Estes datos foron achegados hoxe polo deputado provincial nos encontros mantidos cos alcaldes e técnicos dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente. Benítez remarcou “a necesidade de traballar cunha estratexia conxunta para poñer en marcha actuacións coherentes, vertebradoras e que permitan un crecemento intelixente, sostible e integrador do territorio que rodea o río Miño, xa que conta con grandes potencialidades”.

Neste sentido, os representantes municipais manterán durante os vindeiros días encontros para axustar as actuacións conxuntas, que presentarán o próximo xoves nunha nova reunión co deputado e o técnico provincial de Cooperación Transfronteiriza e que, previsiblemente, formarán parte do documento final.

O deputado, pola súa banda, acudirá o vindeiro luns día 2 a Madrid a unha reunión coa vogal asesora da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda e coordinadora do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP),  María del Carmen Hernández Martín, á que lle exporá as intencións da Deputación e dos concellos pontevedreses e lusos da “raia”.

Unha marca propia

Todas as actuacións da candidatura Ecotur Uniminho 2.0 estarán encamiñadas a fomentar as relacións económicas e Deputación-concellos-fronteira-Portugal-prevén-acadar-5-millóns-euros-fondos-europeos-poñer-valor-río-Miñosociais de ambas as marxes do río tendo como referencia a promoción do emprego, a integración da sociedade e a accesibilidade e non só as infraestruturas en si. Así, incluiranse entre os proxectos a mellora das pesqueiras do Miño, a sinalización de rutas transfronteirizas, a posta en valor dos produtos de primeira calidade da zona (coma a lamprea), a creación de centros de apoio ao turismo de natureza ou a organización de concursos de pesca ou campionatos deportivos de aventura no río. Algúns deles poderían ser desenvolvidos directamente polos concellos e outros de forma conxunta pola Deputación.

Por outra banda, preténdese crear unha marca propia do Miño na que se visualice a singularidade e xenuinidade da cultura local, o seu patrimonio natural (con áreas da rede Natura 2000), etnográfico, gastronómico…, “que supón una cultura única no mundo, formada entre diferentes países, que neste momento non está traballada e que pode chegar a un fluxo potencial de tres millóns de persoas”, sinalou Benítez.

Nova asociación de cooperación

A candidatura Ecotur Uniminho 2.0 foi elaborada dentro do ámbito da asociación Uniminho, creada en 2006 entre a Deputación de Pontevedra e os concellos pontevedreses da fronteira e a Comunidade Intermunicipal Val do Minho, formada por cinco municipios lusos, cuxo protocolo finalizou en 2014.

Segundo destacou Uxío Benítez “Uniminho foi un instrumento non satisfactorio para os concellos galegos” que está xa esgotado. Por este motivo o deputado sinalou a necesidade de crear unha nova asociación europea de cooperación transfronteiriza (AECT) entre municipios galegos e portugueses que sirva como organismo para acceder a máis fondos europeos, tanto específicos para a promoción do territorio da “raia” coma a outros xenéricos nos vindeiros anos, así como para abrir un foro de debate sobre os problemas e proxectos específicos dos gobernos das marxes do Miño.

Neste sentido, Benítez destacou que a Xunta de Galicia xa manifestou a súa intención de colaborar na creación da nova AECT para o Miño, xa que o Goberno galego conta cunha asociación propia para o desenvolvemento do Xurés, pero precisa un instrumento de apoio ao territorio das marxes do río.

Reaccións dos concellos

Ante todas estas cuestións formuladas polo responsable de Cooperación Transfronteiriza os representantes dos concellos manifestaron a súa satisfacción pola iniciativa e o interese da Deputación na aplicación de políticas de mellora da súa área. O alcalde de Salvaterra de Miño, pola súa banda, asegurou “que ata o de agora non se fixo nada, polo que se agora a Deputación colle isto en serio é bo”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies