spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaDeputación e Concello asinan convenio para poñer en valor o Sendeiro Litoral...

Deputación e Concello asinan convenio para poñer en valor o Sendeiro Litoral de A Guarda

firma-aguardia

Carmela Silva subliña que a institución provincial achega o 80 por cento do valor das obras para reposición e a mellora do firme e a sinalización do roteiro

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, asinaron esta mañá no Pazo Provincial un convenio de colaboración para poñer en valor o Sendeiro Litoral de A Guarda, un dos once sendeiros azuis recoñecidos este ano na provincia, sendo Pontevedra a provincia española con máis distintivos deste tipo.

Tras a sinatura, Carmela Silva salientou que, con esta iniciativa, Deputación e concellos “apostamos por poñer en valor os sendeiros azuis da nosa provincia porque somos conscientes que teñen un enorme poderío de atracción turística”. A Presidenta explicou que cada vez é maior o número de visitantes que “demandan espazos máis paisaxísticos, demandan poder camiñar, queren ter actividades ligadas coa natureza” e de aí a importancia de coidar e impulsar os espazos naturais da provincia con actuacións coma esta en A Guarda.

Silva destacou ademais que a provincia de Pontevedra segue á vangarda de España en canto a recursos turísticos, xa que con once sendeiros azuis recoñecidos é a provincia española con máis distintivos deste tipo. “O sendeiro azul de A Guarda une ademais dúas praias nun entorno de extraordinaria beleza medioambiental, unindo ademais río e océano nun espazo impresionante”, asegurou a Presidenta para concluír a importancia de coidar estes espazos.

Pola súa parte, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, resaltou tamén a importancia da colaboración entre administracións para mellorar o patrimonio natural da provincia. “Somos unha vila turística con dúas praias con bandeira azul e un sendeiro espectacular que as une, e polo tanto, todo o que poidamos facer neste eido vai redundar en beneficio de toda A Guarda e de toda a xente que nos visita”, manifestou.

Lomba explicou que o Sendeiro Azul de A Guarda une a praia marítima de Area Grande coa praia fluvial do Muíño, incluíndo tamén a Ruta das Cetáreas, “un sendeiro espectacular á beira do mar, moi transitado e moi visitado sobre todo agora nestes meses de verán, así que nos parece fantástica esta iniciativa da Deputación para poder facer melloras e darlle pulo”.

Segundo o convenio asinado, as actuacións que se van acometer no Sendeiro Litoral de A Guarda consisten na reposición e reparación de firme, así como en melloras na sinalización, cun orzamento global de 16.666,65 €. A Deputación aporta o 80%, en concreto 13.333,32 €, mentres que o municipio achega o 20% restante, 3.333,33 €.

Este convenio enmárcase nun plan conxunto que ten a Deputación, en colaboración cos concellos, para a posta en valor dos sendeiros azuis da provincia, cun investimento global de 183.333,26 €, dos que a Deputación aporta o 80% e os municipios o 20%. O de hoxe coa Guarda é o cuarto convenio deste tipo asinado, despois dos de Ponte Caldelas, Nigrán e Baiona.

Nestes meses, dende a Deputación continuaranse asinando os outros convenios para mellora dos restantes sendeiros azuis da provincia: o Roteiro de Donón (en Cangas), Cabo Udra (en Bueu), Senda Bao-Xestelas (na Illa), Sendeiro Azul Ruta das Praias (en Marín) e os tres que existen en Vigo (Camiño a Beiramar, Senda entre Faros, Senda Litoral e do Monte da Guía). Os sendeiros azuis son rutas que enlazan praias ou portos con bandeira azul con elementos naturais do seu contorno, contribuíndo así ao uso sostible do litoral.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.