Inicio Vigo e área Vigo Consellos para manter un estilo de vida activo e saudable durante o...

Consellos para manter un estilo de vida activo e saudable durante o confinamento

Consellos para manter un estilo de vida activo e saudable durante o confinamentoA Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, ofrece pautas para afrontar este período.Tamén lanza a campaña #Eusonmuvernacasa para intercambiar experiencias en redes sociais

Que o confinamento derivado desta situación de alarma polo coronavirus non acabe deteriorando a nosa saúde, física e mental. Esta é unha prioridade que están poñendo sobre a mesa profesionais da medicina e da actividade física e tomada como propia pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, que acaba de poñer en marcha unha iniciativa para achegar á comunidade universitaria propostas de hábitos saudables. Román Lago, técnico superior en Actividades Deportivas, remarca que nesta situación de confinamento é moi importante seguir “un estilo de vida activo para, como mínimo, manter o noso estado de saúde anterior e poder retomar a facilmente a nosa vida normal cando todo isto remate. Non tería moito sentido conseguir evitar o coronavirus e acabar empeorando igualmente toda a nosa saúde por non seguir durante este período unhas mínimas rutinas diarias de alimentación, actividade física, sono, hidratación, hixiene, etc”. Aínda que semelle que pode resulta moi complicado substituír a bici, correr ou o ximnasio por outras actividades dentro das vivendas, dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte consideran que “pode chegar a ser sinxelo conservar a saúde mantendo un nivel adecuado de actividade sen contaxiarnos nin contaxiar a ninguén”, para o que recomendan “establecer uns horarios para cada tarefa, que pode axudar a non deixar nada atrás”.

Para axudar á comunidade universitaria a establecer estas rutina, na Área de Benestar, Saúde e Deporte deseñaron un documento con varias recomendacións e estratexias. Por unha banda, avogan por aproveitar todas as oportunidades que se presentan no día a día para movernos e manternos activos/as, como ir á compra a pé, empregar as escaleiras, no lugar do ascensor, etc. “Son pequenas cousas axudan a queimar calorías e a manternos máis activos”. Tamén recomendan dedicarlle media hora diaria de actividade e, para aquelas persoas que estean realizando teletraballo, aconsellan levantarse cada media hora e lembrarse das pautas de hixiene postural, realizar estiramentos de maneira periódica ou facer exercicios de mobilidade ou respiración abdominal.

Ademais, Lago tamén lembra que a actividade física “vai mellorar a nosa saúde mental durante este período porque vainos facer sentirnos mellor e con máis enerxía e, ademais, é unha boa forma de ocupar parte das horas do día que imos a ter que estar metidos na casa. O principal motivo para non facer exercicio adoita ser a falta de tempo libre e diso agora temos abondo”.

30 minutos diarios de exercicio

O documento da Área de Benestar, Saúde e Deporte fai fincapé na necesidade de seguir rutinas simples de exercicios adaptadas ás posibilidades e características de cada persoa e cunha duración duns 30 minutos diarios. Se antes a persoa non facía exercicio de xeito regular, recomendan “comezar con moito tento, con traballo de baixa intensidade e duración limitada incrementando progresivamente o tempo de duración ata chegar aos 30 minutos recomendados”. Para as persoas afeitas a realizar actividade física “poden optar por rutinas que encadeen varios exercicios de forza sen descanso”, como cinco sentadiñas, cinco flexións, cinco saltos cos xeonllos ao peito, cinco pranchas frontais e cinco laterais no chan.

Por outra banda, tamén lembran que en internet e redes sociais hai dispoñibles moitas rutinas para facer deporte na casa, pero advirten de que “o máis importante é escoller aquelas que se adaptan mellor ás nosas características” e, neste sentido, Román Lago explica que hai que ter en conta principalmente tres aspectos. Por unha banda, remarca que é importante buscar programas elaborados por profesionais titulados de Ciencias da Actividade Física e Deporte; por outra, que estes programas establezan con claridade o seu nivel de intensidade, a que poboación van dirixidos e se existen contraindicacións para persoas con algún tipo de condición especial; e finalmente, que sexan exercicios sinxelos ou xa coñecidos por cada un de nós para evitar erros na súa execución que ao final nos prexudiquen mais que nos beneficien.

#Eusonmuvernacasa 

Paralelamente a estas recomendacións para manter un estilo de vida activo e saudable durante o confinamento, a Área de Benestar, Saúde e Deporte, puxo en marcha unha campaña en redes sociais co cancelo  #Eusonmuvernacasa, para que os membros da comunidade universitaria poidan compartir as súas rutinas na corentena. “Vale todo”, lembran, “baila, limpa, ordena o teu cuarto… o importante é moverse!! Canto máis orixinal mellor!”, animan.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies