Concello de Nigrán e Zona Franca de Vigo chegaron a un acordo para rehabilitar e por en funcionamento o muíño de Porto do Molle, situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en ruínas dende hai máis de 30 anos.
Así, o Consorcio presidido por David Regades asumirá o custe do proxecto básico que o arquitecto Francisco Márquez Taín elaborou no 2013 (coincidindo co desenvolvemento do parque) e que cifra a intervención en 173.500 €. Pola súa banda, o Concello de Nigrán será responsable, unha vez finalizada a obra, do seu mantemento e conservación tendo ademais a obriga de darlle un uso de interés cultural compatible co funcionamento auxiliar do propio muíño (o proxecto contempla por en funcionamento unha das súas moas para amosar a actividade de antaño e, ao mesmo, tempo un local na edificación anexa cuxo uso específico deberá definir o Concello).
A construción tradicional, unha das máis grandes da comarca, permanece en estado ruinoso ao carón do río Muíños dende hai máis de trinta anos
Este muíño de Porto do Molle, un dos máis grandes da comarca con 25×6,5 metros de planta e tellado a tres augas, consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volumen no que o sótano está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que ía a auga tras moverse o mecanismo de rotación. Está catalogado como Ben de Interés Cultural (BIC) cun grao de protección non integral e non está datado na súa ficha, estimándose a súa orixe no século XVIII. As obras e movementos de terra no parque empresarial implicaron soterrar a súa canalización de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que actualmente non poderían funcionar os mecanismos, sen embargo, o proxecto contempla activalo creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción.
Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, implica repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa desaparecidos de roturación e trituración. Paralelamente, a contorna será dotada de mobiliario urbano como bancos ou iluminación mediante balizas.




[…] Concello de Nigrán e Zona Franca chegan a un acordo para rehabilitar o muiño de Porto do Molle […]
Citar Comentario
Citar Comentario