spot_img
InicioPontevedra e ÁreaDía Mundial da Parálise Cerebral

Día Mundial da Parálise Cerebral

Día Mundial da Parálise CerebralA asociación Amencer – Aspace celebrou este mércores un acto na pontevedresa Praza da Peregrina co gallo da celebración do Día Mundial da Parálise Cerebral. No mesmo participaron as deputadas Digna Rivas e Chelo Besada, que quixeron deste modo mostrar o apoio da Deputación a este colectivo.

Durante o mesmo, os directivos de Amencer – Aspace amosáronlle ás responsables das áreas de Cohesión Social e Xuventude e Deportes as diferentes actividades que realizan desde a asociación.  Unha destas actividades é a terapia con animais. No colexio de Educación Especial Amencer traballan con Abril, unha cadela coa que realizan “actividades relacionadas co desenvolvemento cognitivo e da autoestima dos rapaces con parálise cerebral”, tal e como explica David López, xefe de estudos do centro.

A Deputación de Pontevedra colaborou este ano con Amencer – Aspace para financiar diferentes actividades que levan a cabo coas persoas que sofren desta doenza. “Amencer ten un programa moi completo que presta un servizo esencial. Queremos que co apoio da Deputación cheguen ao maior número de persoas na provincia de Pontevedra, tamén no rural, que é o tema que centra as reivindicacións do colectivo este ano”, explicou a deputada de Cohesión Social.

A asociación conta con dous colexios de Educación Especial, o mencionado de Pontevedra e outro en Vilagarcía de Arousa; dous centros asistencias para adultos, sitos nas mesmas cidades; e un centro de atención temperá. “Neste momento estamos iniciando a construción dun novo centro en Vigo, que se convertería no sexto co que contamos na provincia”, sinala Carlos Godoy, presidente da Amencer – Aspace.

Á asociación pertencen 150 familias repartidas por toda a provincia. “Damos asistencia directa a 80 rapaces”, explica Godoy, “e prestamos outros servizos como apoio, axudas e asesoramento”. “O eixo central é prestar asistencia ás persoas desde que acoden a nós ata o final da súa vida”, afirma.

O colectivo de persoas con parálise cerebral centrou as súas reivindicacións este ano en dous aspectos: a sexualidade e a afectividade “como un dereito máis para vivir unha vida plena” e a atención no medio rural como ferramenta de inclusión social. Para ilo realizaron un flashmob acompañado dunha canción que reivindicaba a sexualidade e a afectividade das persoas como un “feito que pode e debe vivir calquera persoa, independentemente da discapacidade e do grao da mesma que teña”.

Por outra parte, fíxose lectura dun manifesto que denuncia as múltiples dificultades ás que afrontan no ámbito rural. “É un entorno no que os espazos non se deseñan desde a perspectiva de deseño universal, o transporte público é limitado e, polo xeral, non está adaptado”, sinalan no manifesto do que deron lectura dúas rapazas afectadas por parálise cerebral e varios familiares.

- Publicidade -spot_img