Inicio Galicia Comeza a rodaxe en Vigo da serie galego-portuguesa 'Auga seca"

Comeza a rodaxe en Vigo da serie galego-portuguesa ‘Auga seca”

Comeza a rodaxe en Vigo da serie galego-portuguesa 'Auga seca" Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta cunha axuda de 260.000 euros a través das subvencións da Agadic ao audiovisual

O Real Club Náutico de Vigo foi o escenario da presentación da serie galego-portuguesa Auga seca, que está a iniciar na comarca viguesa unha rodaxe que se estenderá tamén a Lisboa. A produtora galega Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta co apoio económico da Xunta a través do programa de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo ao sector audiovisual.

Como explicou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Audiovisuais (Agadic), o proxecto foi adxudicatario en 2017 de 260.000 euros na convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, na modalidade de longametraxes, series e miniseries de televisión. Así o especificou na presentación desta rodaxe, na que interveu xunto ao delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, e José Amaral, de SP-i, e aos representantes doutras das entidades colaboradoras, como a TVG e a RTP portuguesa, a través das que a serie chegará ao público de ambos os países.

A TVG e a RPT emitirán este ‘thriller’ sobre o tráfico de armas, protagonizado pola portuguesa Victoria Guerra e os galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, que mobilizará un equipo de máis de 150 profesionais entre Galicia e Lisboa

Para o responsable da Agadic, resulta moi gratificante comprobar como, segundo xa se comprobou no último mercado Mipcom de Cannes, esta coprodución foi medrando en forma e contido nos últimos meses. Así, a alianza entre Portocabo e a recoñecida produtora televisiva lusa SP-i, xunto coa integración da TVG e a RTP, dálle continuidade ao “magnífico modelo de traballo transfronteirizo do exitoso proxecto anterior de Portocabo, Vidago Palace, e ao avance das relacións audiovisuais entre Galicia e Portugal”, continuou.

Sutil fixo fincapé en que, segundo os datos que manexa a produtora, a rodaxe de Auga seca reunirá máis de 150 profesionais, entre técnicos e intérpretes, así como máis de 300 figurantes durante a súa gravación en localizacións moi identificables tanto de Vigo e a súa comarca, como de Lisboa.

Trío protagonista

Na presentación participaron, así mesmo, a actriz portuguesa Victoria Guerra e os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, trío protagonista deste thriller arredor do tráfico de armas e do crime organizado, fortemente conectado á realidade e á época actual. Neste contexto, a historia comeza cando Teresa regresa a Vigo desde Lisboa para pescudar a verdade sobre o suposto suicidio do seu irmán, ao tempo que a investigación policial terá que desentrañar unha rede delituosa acostumada a agocharse baixo unha legalidade aparentemente perfecta.

Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco desta nova serie, que contará con seis episodios de 50 minutos cada un. Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, quen tamén asina o argumento xunto con Pepe Coira, Araceli Gonda, José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. No guión traballan Lidia Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte, de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
282SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies