spot_img
InicioO SalnésClausura e entrega de diplomas no Grove aos participantes do obradoiro de...

Clausura e entrega de diplomas no Grove aos participantes do obradoiro de emprego ‘Hostalería no Salnés VII’

clausura-e-entrega-de-diplomas-no-grove-aos-participantes-do-obradoiro-de-emprego-hostaleria-no-salnes-vii

Os alumnos e alumnas recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado nas especialidades de operacións básicas de cociña e restaurante e bar

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no Grove na clausura e entrega de diplomas aos participantes do obradoiro de emprego ‘Hostalería no Salnés VII’ que a Xunta levou a cabo en coordinación coa Mancomunidade de Municipios do Salnés.

Os alumnos e alumnas formáronse, obtendo un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, e accederon a un posto de traballo nas especialidades hostaleiras de operacións básicas de cociña e restaurante e bar. Deste xeito, Conde destacou que este obradoiro amplía as oportunidades laborais das persoas sen emprego para acceder a ocupacións clave para o turismo como son axudante de cociña e camareiro. “Apoiamos desde 2009 este programa porque se centra nun dos sectores que dinamizan a economía da comarca do Salnés”, engadiu Conde.

O titular de Economía precisou, neste senso, que os obradoiros, ademais de ofrecer máis oportunidades de atopar un traballo, contribúen a fixar poboación no rural. “O noso principal empeño é facilitar aos traballadores e traballadoras dos concellos unha maior empregabilidade garantido a calidade e a estabilidade”, subliñou.

Conde indicou que a Xunta segue apostando por estes programas, aos que destina este ano 14 millóns de euros, porque, ademais de ampliar o currículo dos participantes e permitirlles acceder a un posto laboral, contribúen á realización dun servizo para a comunidade. Neste caso, este obradoiro promoveu o turismo gastronómico no Salnés, permitiu elaborar pratos para o comedor social de Cáritas e fomentou hábitos alimenticios bos. O conselleiro, así mesmo, afirmou que outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que impulsan a colaboración institucional.

Por último, o titular de Economía referiuse á Axenda 20 para o Emprego que vén de activar o Goberno galego para precisamente impulsar o emprego estable e de calidade. Trátase, segundo explicou Conde, dunha folla de ruta que entre os seus retos inclúe a mellora das competencias profesionais dos galegos e galegas que queren acceder a un posto de traballo en liña coas requiridas no novo contexto laboral e con especial atención aos colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego.

Entre as 20 medidas que contén a Axenda, o conselleiro resaltou o programa APROL dotado con 63,4 millóns para incentivar a contratación entre mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, persoas en risco de exclusión, con discapacidade, autónomos e cooperativistas, entre outros colectivos; as lanzadeiras de emprego para promover o emprendemento con 7 millóns; e a creación de Unidades de Formación na empresa para impulsar con 2 millóns a especialización e capacitación con compromiso de contratación.

Apoio ao Salnés
En definitiva, Conde asegurou que o Goberno galego seguirá a apoiar a formación e especialización das persoas sen emprego para ampliar as súas oportunidades laborais. Neste senso, lembrou que a Administración autonómica leva mobilizados preto de 15 millóns de euros desde 2009 na comarca do Salnés para a realización de cursos de formación para desempregados, obradoiros e programas integrados de emprego, o que permitiu que preto de 5.000 persoas se beneficiaran destas actuacións.

- Publicidade -spot_img