spot_img
InicioO SalnésArousaClausura dos obradoiros de emprego de Vilagarcía dedicados á dinamización de tempo...

Clausura dos obradoiros de emprego de Vilagarcía dedicados á dinamización de tempo libre, carpintería e xardinería

clausura-dos-obradoiros-de-emprego-de-vilagarcia-dedicados-a-dinamizacion-de-tempo-libre-carpinteria-e-xardineria

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá á clausura dos dous obradoiros de emprego que se desenvolveron durante os últimos seis meses en Vilagarcía de Arousa.

O responsable territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, Alberto Varela, así como polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

En total, formáronse 35 desempregados, 20 deles no obradoiro destinado a Carpintería e Xardíns, e outros 15 no obradoiro para menores de 25 anos dedicado a actividades eportivas e dinamización do tempo libre.

Cores Tourís recordou que o obxectivo destes obradoiros é a contratación de desempregados que ademais de recibir un soldo adquiren unha formación teórico-práctica que lle permite acadar un certificado de profesionalidade co fin de obter unha mellor inserción laboral.

O obradoiro “Labora@xove2”, para menores de 25 anos, contou cun investimento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria de algo máis 130.000 euros. O obxectivo deste curso foi preparar a 15 alumnos nas especialidades de dinamización de actividades de tempo libre e na organización de actividades de funcionamento de instalacións deportivas, contando cun director de curso, dous docentes e unha administrativa.

Durante estes seis meses, os alumnos organizaron e dinamizaron actividades de tempo libre dirixidas á infancia e a xuventude de Vilagarcía, aplicando técnicas de animación grupal. Tamén deron asistencia operativa aos técnicos deportivos no desenvolvemento de actividades deste ámbito, así como tarefas de control de acceso, asistencia a usuarios e mellora da seguridade nas instalacións deportivas de titularidade municipal.

Por outra banda, Vilagarcía tamén contou cun obradoiro dedicado a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e traballos de carpintería e moble. Neste taller formaronse 20 alumnos grazas a unha aportación da Administración autonómica de 180.000 euros. Con este obradoiro instaláronse e mantivéronse xardíns e zonas verdes en distintos parques do concello e elaboraron mobiliario para a revalorización dos espazos públicos naturais de Vilagarcía.

En total, a provincia de Pontevedra contou nos últimos 6 meses con 29 obradoiros que formaron a máis de 600 persoas. “Cinco destas iniciativas corresponderon a obradoiros para menores de 25 anos que xa, na anterior edición, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu o delegado territorial. Na comarca de Arousa, desenvolvéronse un total de sete obradoiros, dous na mancomunidade do Salnés, dous en Vilagarcía, un en Cambados, outro no Grove, e outro en Vilanova de Arousa, investindo máis de 1,2 millóns de euros que permitiron formar a 150 desempregados.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou en 2016 máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse máis de 2.000 desempregados.

A posta en marcha destas iniciativas ven a demostrar a importancia da colaboración institucional entre administracións, que permite poñer en marcha importantes proxectos que loitan contra o desemprego. “Esta é a razón pola que seguiremos a traballar e impulsar este tipo de obradoiros que, na próxima convocatoria, xa contarán con nove meses de duración”, explicou Cores Tourís.

- Publicidade -spot_img