spot_img
InicioO SalnésCincocentos nenos e nenas cantarán a Cabanillas na praza de Fefiñáns

Cincocentos nenos e nenas cantarán a Cabanillas na praza de Fefiñáns

Terceira edición de “No bico un cantar”, programa que xunta poesía e música para espallar a obra dos grandes escritores galegos

Máis de cincocentos rapaces pertencentes ós conservatorios profesionais de Galicia cantarán poemas de Ramón Cabanillas na praza de Fefiñáns o vindeiro 5 de xuño. O poeta cambadés vai ser protagonista da terceira edición de “no bico un cantar”, un programa que xunta literatura e música para divulgar entre a mocidade a vida e obra dos grandes escritores galegos.

O concerto foi presentado esta mañá na sala Eisenman da Cidade da Cultura por Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Luis Aragunde, alcalde de Cambados, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. O gran coro de cincocentos estudiantes de música estreará en Fefiáns a versión musicada do poema “As lavercas”, que o Consello da Cultura Galega encargou á compositora Margarita Viso.

Cincocentos-nenos-nenas-cantarán-Cabanillas-praza-Fefiñáns-Terceira-edición-No-bico-un-cantar-poesía-música-grandes-escritores-galegos

Luis Aragunde, agradeceu ó Consello da Cultura Galega e á consellería de Cultura que pensaran en Cambados e en Cabanillas para esta terceira edición do programa “No bico un cantar”, que “vai ser unha experiencia fantástica e unha merecida homenaxa ó noso poeta”. Tamén anunciou que xa se está traballando na escenografía a realizar na praza de Fefiñáns, onde o Concello xa está acostumado a organizar moitos e moi importantes espectáculos musicais.

O conselleiro de Cultura lembrou que esta iniciativa cultural comezou en 2013 cunha homenaxe coral a Rosalía de Castro en Santiago, para trasladarse na segunda edición a Celanova onde os rapaces cantaron letras de Curros Enríquez e, nesta terceira, será Cambados quen acollerá a homenaxe musical, xusto cando se celebra o centenario da publicación dunha obra cimeira de Cabanilla, Vento Mareiro. Jesús Vázquez salientou que as obras do poeta da raza representan “un traballo constante de amor pola terra e pola lingua”, ó tempo que agradecía a colaboración inestimable do Concello e dos sete conservatorios de Galicia para sacar adiante esta iniciativa.

Ramón Villares presidente do Consello da Cultura Galega, puxo de relevo que Cabanillas era un dos poetas galegos máis populares e que a homenaxe musical a este escritor cambadés está en coherencia co parnaso literario galego, tendo en conta ademais a conmemoración do centenario da publicación de Vento Mareiro.

O director técnico de “No bico un cantar”, Maximino Zumalave, salientou que a organización agarda xuntar máis de 500 voces neste encontro, e que os nenos e nenas participantes non só coñecerán o humus cultural onde se desenvolveu a biografía de Cabanillas, senón que se achegarán a coñecer a historia, a economía e mais a cultura de Cambados.

O programa desta terceira edición de “No bico un cantar” está conformado por catro poemas de Ramón Cabanillas que recollen trazos da súa poética total. Os textos seleccionados nesta edición foron musicados por recoñecidos compositores da música culta galega como José Baldomir ou Eduardo Rodríguez-Losada, así como a versión que fixo o famoso compositor catalán Federico Mompou do poema “Aureana do Sil”, en homenaxe ás mulleres que buscaban ouro nos ríos galegos. Como é habitual neste programa, o Consello da Cultrua Galega encargou a composición musical dun poema. Neste caso Margarita Viso foi a responsable de poñerlle música ó poema “Fala unha laverca”, do poemario Da terra asoballada, no que ofrece unha dignificación mítica da terra.

No bico un cantar, terceira edición

Unha frase de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer a poetas recoñecidos da nosa terra, pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta padronesa foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición celebrouse en Celanova por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa segunda edición estreouse a versión musical do poema de Curros Nouturnio que o Consello da Cultura lle encargou a Xabier Comesaña.

- Publicidade -spot_img