spot_img
InicioO SalnésEconomía e Industria activa novas liñas de apoio para impulsar os investimentos...

Economía e Industria activa novas liñas de apoio para impulsar os investimentos e a competitividade das Pemes da comarca do Salnés

CambadosO director do Igape, Javier Aguilera, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentaron hoxe en Cambados as novas liñas de axudas activadas pola Consellería de Economía e Industria, destinadas a facilitar os investimentos, a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego, dotadas con 6,5 millóns de euros.

Nesta xornada técnica desenvolvida en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Salnés, Aguilera salientou que o obxectivo é procurar que tanto os emprendedores como as pemes teñan, desde que comeza o novo ano, instrumentos idóneos para impulsar novos proxectos empresariais e contribuír, deste modo, a dar “un impulso definitivo para a reactivación do tecido produtivo” e a consecución da Industria 4.0, que se fixa como obxectivo na Axenda da Competitividade Industrial Galega.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou pola súa banda a importancia das axudas, ás que se poden acoller as empresas do Salnés, que poderán así apostar pola súa modernización e por avanzar na súa proxección exterior. Cores Tourís insistiu en que as empresas desta zona están no camiño para acadar os récords históricos que rozaron no último ano en canto a exportacións, “como ocorre, por exemplo, no eido dos nosos viños”, dixo.

Entre as liñas de apoio que vén de activar a Consellería de Economía e Industria cómpre salientar as novas convocatorias de axudas para procurar que as pemes galegas poidan impulsar a renovación dos seus equipos produtivos e mellorar, deste xeito, a súa competitividade. Esta liña facilitará a mobilización de 10 millóns de euros en novos investimentos.

Por outro lado, Economía e Industria activou igualmente o programa Galicia Emprende, destinado a emprendedores que desexen crear un novo negocio ou consolidalo. Estas axudas poden complementarse cos préstamos directos facilitados polo Igape e por Xesgalicia, segundo recordou o director do Igape.

O Igape activou tamén apoios para avanzar na internacionalización das empresas galegas mediante a contratación de xestores expertos en comercio exterior. E, por outra banda, neste mesmo eido, o Instituto vén de convocar un ano máis os apoios para que as empresas do sector téxtil poidan desenvolver os seus plans de promoción exterior.

Entre os programas que veñen de activarse, tamén se inclúe unha nova liña para impulsar a formación do capital humano a través da cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos.

Ademais, o Instituto convocou unha nova edición das bolsas formativas vinculadas ao programa ReAcciona para seleccionar a 100 novos titulados que poderán acceder a formación práctica especializada colaborando na implantación dos proxectos de mellora que se impulsarán, durante este ano, en máis de 300 empresas galegas.

- Publicidade -spot_img