spot_img
InicioPontevedra e ÁreaCarmela Silva celebra a nominación aos Premios Mestre Mateo do documental "Sorrisos...

Carmela Silva celebra a nominación aos Premios Mestre Mateo do documental “Sorrisos transformadores” como mellor serie web

A presidenta provincial agradeceu o traballo de “Islandia Producciones”, da Asociación Arelas, e da dirección de Noemí Chantada e Oscar Pardo. Financiada pola Deputación, a curta está formada por oito pezas soporte en vídeo da exposición fotográfica

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, celebrou hoxe que o documental “Sorrisos transformadores”, financiado pola institución provincial, sexa finalista na categoría  “Mellor serie web” dos XVII Premios Mestre Mateo, os galardóns anuais á excelencia das producións audiovisuais de Galicia. “Estamos encantadas e encantados de ser finalistas e, consigamos ou non o galardón, temos o mellor premio: darlle visibilidade ás persoas trans e coas que, dende a Deputación, temos un enorme compromiso”, asegurou Silva.

O documental, que está composto por oito pezas curtas, foi deseñado como o soporte de vídeo á exposición fotográfica “Sorrisos transformadores” que, impulsada Deputación, busca darlle visibilidade ás persoas transexuais. A peza, producida por Islandia Producciones, dirixida por Óscar Pardo e Noemí Chantada, e impulsada polo colectivo ARELAS, ten unha duración de 21 minutos. Nela, recóllense as testemuñas e as realidades de persoas transexuais, así como de distintos profesionais. Por exemplo, na curta interveñen a presidenta de Arelas, Cristina Palacios; a sexóloga Susana Alonso; a decana na USC, Carmen Fernández; o xurista Miguel Vieito; diferentes mozos e mozas trans, así como os seus familiares. O obxectivo desta peza é o de mostrar a transexualidade como unha expresión máis da diversidade sexual.

Tamén cabe salientar que na mesma categoría da que é finalista “Sorrisos transformadores” están outras pezas como “As cousas do Choio”, “Hai vida en Bran?” e “Dinosaurio. La Serie”. Será o próximo 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña cando se dará a coñecer a curta gañadora nunha gala conducida pola actriz Sonia Méndez.

“Sorrisos transformadores” é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que naceu con motivo da celebración do día do orgullo LGTBI de 2016. O obxectivo era poñer en marcha unha campaña de sensibilización dirixida á sociedade para a prevención de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero. Froito disto, naceu a exposición fotográfica do mesmo nome que quere informar á cidadanía da realidade do colectivo trans, así como axudar a previr as actitudes discriminatorias. Esta mostra itinerante está a percorrer distintos concellos da provincia de Pontevedra e chegou, incluso, a Betanzos e á Universidade de Santiago de Compostela.

Para saber máis: https://www.cousasde.com/a-academia-galega-do-audiovisual-deu-a-conecer-as-candidaturas-aos-xvii-premios-mestre-mateo/

- Publicidade -spot_img