spot_img
InicioBaixo MiñoTomiño e Cerveira piden simplificar os trámites para o desprazamento dos menores...

Tomiño e Cerveira piden simplificar os trámites para o desprazamento dos menores de idade na zona da fronteira

As valedoras transfronteirizas presentaron hoxe un informe no que explican a situación administrativa que existe na actualidade, e fan recomendacións para solucionar a problemática.

Estudar medidas excepcionais que adapten os requisitos de autorización sobre mobilidade transfronteiriza de menores ás novas realidades sociais e administrativas de nivel local; valorar, neste sentido, a “flexibilidade da liña fronteiriza”, considerando as eurocidades “zonas francas administrativas” e promover, en calquera caso, experiencias piloto que permitan avaliar o avance do exercicio efectivo de dereitos sociais e a construción de identidades compartidas europeas, especialmente entre a infancia e a adolescencia”.

Estas son as tres recomendacións fundamentais contidas no informe das Valedoras Transfronteirizas Cerveira-Tomiño (un órgano que tenta garantir a defensa dos dereitos e intereses dos residentes coma cidadáns europeos transfronteirizos) co fin de conseguir a eliminación das barreiras á mobilidade transfronteiriza infanto-xuvenil.

O devandito informe foi presentado hoxe e asinado polos alcaldes, en rolda de prensa, no colexio público de Goián, co fin de sensibilizar ás Administracións pertinentes e a cidadanía, sobre a problemática, “para a busca de solucións á obrigada, e por veces economicamente gravosa, necesidade de cumprimentación de autorizacións específicas por parte dos proxenitores para a saída ao estranxeiro de menores, con vistas a reducir as limitacións que este requisito provoca nas relacións infanto-xuvenís en contextos de relación transfronteiriza”.

Ás 10.30h tivo lugar unha reunión entre as valedoras transfronteirizas de Tomiño e Cerveira, Zara Pousa Arbones e María de Lurdes Guerreiro Pereira Cunha, respectivamente, e os alcaldes de ambos os dous municipios, Sandra González e Fernando Brito Nogueira. Unha hora despois, os catro atenderon aos medios de comunicación portugueses e galegos convocados, co propósito de incidir na problemática antes descrita. Segundo explicaron as valedoras transfronteirizas, na actualidade, a organización de desprazamentos de grupos de menores de idade sen presenza paterna require unha autorización específica perante as autoridades. No caso do Estado Español, mediante un formulario asinado por ambos os dous proxenitores ante a Garda Civil e, no caso portugués, mediante autorización con sinatura validada de pai, nai ou titor ante notario, cos correspondentes custos económicos.

Estes requisitos, comprensibles xenericamente no marco de relacións entre estados soberanos que pretenden unha axeitada protección dos dereitos da infancia, convértense nun incomprensible atranco burocrático para a fluidez das relacións entre poboacións escolares que comparten territorio, intereses e trazos culturais no marco dunha entidade supraestatal coma a Unión Europea e, máis especificamente, en realidades socioloxicamente afíns como a de Galicia-Norte de Portugal ou a da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Así o exteriorizaron tanto os alcaldes coma as valedoras transfronteirizas. Sandra González e o seu homólogo Fernando Nogueira, prometeron “facer os deberes” tras a presentación do informe, no sentido de tentar mediar ante as administracións española e portuguesa, co fin de conseguir unha simplificación dos trámites a seguir en caso de desprazamentos escolares, deportivos, etc. de menores entre ambas as vilas.

Zara Pousa, confirmou que se trata dunha iniciativa pioneira no seu tipo,  “probablemente, a primeira en España e Europa”.

Antecedentes:

No mes de maio de 2018, en colaboración co equipo técnico do proxecto Axenda de Cooperación transfronteiriza Cerveira-Tomiño, decidiuse organizar encontros coas direccións dos centros educativos de ambos os dous municipios. Tanto na reunión mantida co director do Agrupamento escolar de Vila Nova de Cerveira (20 de xuño) como na celebrada coa directora do Instituto Antón Alonso Ríos de Tomiño (4 de xullo), constatouse coma un dos obstáculos máis destacados para unha fluída relación transfronteiriza, o da regulamentación dos permisos a menores para a realización de intercambios escolares entre os dous estados.

Sen prexuízo doutros atrancos para a aproximación das poboacións e para a supresión das dificultades físicas e psicolóxicas que implican as fronteiras, decidiuse priorizar a intervención sobre a mobilidade infanto-xuvenil pola compoñente estratéxica das relacións transfronteirizas en idade escolar.

Entre os principais destinatarios do informe das valedoras figuran os seguintes órganos:

– Eurocidade Cerveira Tomiño. Cámara de Vila Nova de Cerveira e Concello de Tomiño

– Provedor de Justiça de Portugal

– Valedora do Pobo de Galicia

– AECT Río Minho

– AECT Galiza Norte de Portugal.

– Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación do Reino de España

– Ministerio dos Negócios Estrangeiros da República portuguesa- SOLVIT Solutions to problems with your EU rights[1] http://ec.europa.eu/solvit/index_en.htm


[1]Servizo gratuito das administracións dos países da UE, Islandia, Liechtenstein e Noruega para atopar solucións nos casos en que unha administración pública doutro país da UE non respecte os dereitos que outorga a UE aos cidadáns e ás empresas,  sempre e cando o asunto non se teña levado aínda aos tribunais.

- Publicidade -spot_img