spot_img
InicioVal MiñorNigránCampaña solidaria en Nigrán para alcanzar un mínimo de 700 doazóns de...

Campaña solidaria en Nigrán para alcanzar un mínimo de 700 doazóns de sangue antes de que remate o ano

SangueA participación dos veciños en 2015 foi dunha media de 21 doazóns por cada mil habitantes, moi lonxe das 40 recomendadas pola OMS e tamén por baixo da taxa global en Galicia

O Concello de Nigrán e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) lanzan o reto de acadar un mínimo de 700 doazóns de sangue no municipio antes de que remate o ano. O obxectivo é superar as 378 extraccións feitas en todo o 2015 e que arroxan unha taxa de 21 por cada mil habitantes, unha media moi insuficiente segundo os propios datos da Organización Mundial da Saúde, que a sitúa nun mínimo de 40-60 por cada mil habitantes para ter cubertas as necesidades hospitalarias en Galicia (precísanse 10.000 cada mes). Estas cifras negativas de Nigrán contrastan incluso coa media da comunidade autónoma, que é de 41 por cada mil habitantes (supera a estatal de 36 doazóns por cada mil habitantes).

As unidades móbiles estarán o luns 22 en Parada e A Ramallosa e o martes 23 diante do Concello co obxectivo de acadar o reto

Baixo este reto Nigrán acolle a campaña solidaria “Súmate. Doa Sangue” , que traerá a vindeira semana unha unidade móbil ao municipio (o luns 22 de 16.00 a 18.00 horas na Carrasca e de 18.30 a 21.00 na Alameda de A Ramallosa e  o martes 23 diante do Concello de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas). A súa presenza no verán non é casualidade, xa que é a época do ano con maior dificultade para a doazón.”Somos un pobo solidario e temos a oportunidade de demostralo de verdade acudindo a doar; é un xesto que nos leva entre 5 e 7 minutos e que a cambio axuda a recuperar a saúde de moitos enfermos ou mesmo a salvarlles a vida”, sinala o alcalde, Juan González.

As 6.831 doazóns feitas dende a primeira visita da unidade móbil en 1995 permitiron, como exemplo, 3.400 intervencións quirúrxicas

Nigrán conta con 1.704 doadores censados que realizaron 6.831 doazóns de sangue dende a primeira visita da unidade móbil en 1995, unha cantidade que serve para máis de 3.400 intervencións quirúrxicas ou transfundir plaquetas a máis de 1.100 enfermos de cancro ou leucemia. Sen embargo, as doazóns recollidas durante todo o ano en Nigrán son tan escasas que non chegan nin para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitais durante un día (precísanse entre 400 e 500).  Se en 2014 foron 372 doazóns, no 2015 chegaron ás 378 e agora o reto e alcanzar as 700.

O CTG envía unha vez ao mes unha unidade que visita Panxón, Priegue, Parada, A Ramallosa, IES Proval, IES Val Miñor e a empresa Marine Instruments. De feito, cada día 10 unidades móbiles percorren os concellos galegos para atender as persoas que desexan realizar este acto altruísta. As doazóns de sangue recollidas nas unidades móbiles e nos locais de doazón das 7 grandes cidades e contorna, envíanse a diario ao CTG para o seu procesamento,análise e conservación e establecese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para desenvolver a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Podese doar sangue nas 10 unidades móbiles que cada día percorren Galicia ou nas 7 salas de doazón atendidas por persoal sanitario do CTG nas sete grandes cidades galegas. Para saber onde doar sangue ou resolver dúbidas: Teléfono 900 100 828 / 881 546900, correo electrónico (doadoressangue.ctg@sergas.es) ou páxina WEB (http:// http://ctg.sergas.es).

- Publicidade -spot_img