spot_img
InicioVal MiñorNigránConcello de Nigrán e o Fondo Galego celebran a irmandade Galicia-Cabo Verde...

Concello de Nigrán e o Fondo Galego celebran a irmandade Galicia-Cabo Verde co concerto de Batuko Tabanka e Cantares de Brion

concello-de-nigran-e-o-fondo-galego-celebran-a-irmandade-galicia-cabo-verde-co-concerto-de-batuko-tabanka-e-cantares-de-brion

O Concello de Nigrán e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que preside o rexedor de Nigrán, ofreceron este sábado no campo das redes de Panxón o concerto da formación caboverdiana Batuko Tabanka e da galega Cantares do Brion.

O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, trata nas súas cancións temas como a emigración, a identidade ou a situación da muller.

A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.

Por outra banda, o Coro galego Cantares do Brión, integrado por 50 persoas dirixidas por Pablo Rial Salgueiro, posúe un repertorio extraído da tradición musical galega, prestando tamén atención especial a novas composicións sobre poemas de autores galegos. Entre os seus propósitos principais están a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradicional, sendo obxecto de atención especial e de emprego habitual o idioma galego.

A este concerto se suma a exposición fotográfica “Galicia-Cabo Verde, unha irmandade” que ata o 30 de agosto estará no Concello de Nigrán. Desde 2002, o Fondo Galego cofinanciou no país lusófono máis de 30 proxectos de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.

- Publicidade -spot_img