Inicio Val Miñor Baiona Baiona asume a presidencia de Vilas Mariñeiras e propón a María Castro...

Baiona asume a presidencia de Vilas Mariñeiras e propón a María Castro para o premio da Asociación

baiona-asume-a-presidencia-de-vilas-marineiras-e-propon-a-maria-castro-para-o-premio-da-asociacionO alcalde de Baiona, Ángel Rodal, converteuse este sábado no novo presidente da Asociación de Vilas Mariñeiras nun acto celebrado en Laredo (Cantabria). O rexedor, que asumirá o cargo durante os dous próximos anos, propuxo á actriz María Castro como candidata ao terceiro Premio Vilas Mariñeiras.

“Baiona foi un dos municipios fundadores e agora recae sobre nós a tarefa de dirixir a agrupación coas máximas expectativas”, sinalou Rodal durante o seu discurso ante os representantes de Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes e Ribadesella.

O rexedor tamén avanzou que propoñerá a María Castro, artista moi vinculada a Baiona, para a terceira edición do Premio Vilas Mariñeiras (anteriormente recibírono os xornalistas Carlos Herrera e Iñaki Gabilondo).

A asociación celebrou este sábado a terceira edición do ‘Día de Vilas Mariñeiras’. Nesta ocasión, a vila anfitrioa foi Laredo, en Cantabria. Este evento, que se celebrou por primeira vez no ano 2014 en Baiona xorde para dar a coñecer ás localidades que forman a agrupación e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos ademais de afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios.

A Concellería de Turismo de Baiona coordinou a organización da viaxe para que os veciños de Baiona  puidesen desprazarse a Laredo. A marca Vilas Mariñeiras naceu da unión de cinco municipios que na década dos noventa foron obxecto de Plans de Excelencia Turística. Así, Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes, Ribadesella e Baiona fundaron o Club de Excelencia Turística da España Verde.

Todas estas vilas son portos de mar cheos de tradición e de patrimonio cultural, artístico e natural. Todas elas comparten clima, gastronomía, paisaxe e un produto turístico de calidade asociado ao mar. Ademais, cada unha delas conta cunha personalidade forte que a diferenza das súas compañeiras, o que dá como resultado unha oferta variada e coherente que se distingue do resto pola súa orixinalidade, diversidade e calidade.

A agrupación segue unha serie de liñas de actuación comúns encamiñadas a desenvolver novos produtos turísticos actuando como unha rede na promoción turística, contribuíndo a reducir a estacionalidade mediante o fomento da demanda en períodos fóra da tempada alta. Así mesmo, perseguen a recuperación e a posta en valor do patrimonio natural, cultural e etnográfico, ademais de dar impulso ao aproveitamento dos recursos marítimos e pesqueiros dos seus portos.

Estes destinos turísticos foron, tradicionalmente, destinos de alta calidade, os preferidos polas familias e os amantes do turismo activo. Vilas Mariñeiras desenvolve novas ferramentas para manter os elevados estándares de calidade e para dirixir de forma adecuada a presión turística cara aos servizos privados, a infraestrutura pública e os recursos naturais e culturais, de maneira que se poida asegurar a súa sustentabilidade a longo prazo.

O turismo de costa habitualmente asociado ao modelo de ‘Sol e Praia’ queda pequeno para Vilas Mariñeiras. Os case de 1.000 quilómetros de litoral Cantábrico e Atlántico polos que se estenden os seus municipios posúen unha amplitude de recursos que van moito máis alá deste modelo. O patrimonio é outro dos eixos da súa oferta, grazas á riqueza arquitectónica, natural e cultural destas vilas. Cada unha delas conta cun conxunto histórico?monumental e con numerosos Bens de Interese Cultural, ademais das súas tradicións, festas e costumes.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies