Atrás quedan anos de mirar ao ceo para predicir o tempo; desde agora, un novo supercomputador, capaz de realizar 168 billóns de operacións por segundo, mellorará a predición meteorolóxica en espazo e en tempo en todo o territorio español.
O supercomputador, 75 veces máis potente que o ordenador Cray ao que substitúe, é a nova aposta da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e a empresa Bull para prover a España dunha predición meteorolóxica o máis precisa e fiable posible reducindo á vez custos no consumo enerxético.
Fernando Belda, director de Produción e Infraestruturas da Aemet, explicou nunha entrevista con EFEverde que a instalación deste novo sistema de computación está a executarse por fases (xa se terminou a migración de datos) e prevese que será a finais de 2015 cando todo o proceso conclúa e alcance o maior rendemento.
Ao seu xuízo, o novo sistema de computación é unha “gran ferramenta” de traballo que se debe optimizar ao máximo: a Axencia de Meteoroloxía é un servizo público e como tal, debe perfeccionar o seu resultado de face á sociedade.
Había necesidade de “modernización” para transformar a información meteorolóxica e climática en coñecemento e comunicalo, o máis axiña posible, a unha sociedade que cada vez demanda máis estas noticias, subliñou Belda.
A potencia deste supercomputador permitirá almacenar máis cantidade de datos, lanzar con maior antelación avisos por fenómenos adversos e mellorar a resolución espacial (2,5 quilómetros) e a fiabilidade das predicións (actualmente do 95 por cento).
O novo sistema de computación, o terceiro de España en rendemento e potencia, sitúase na sede madrileña da Aemet e mide uns 5 metros de ancho por 2 metros de alto.
O meteorólogo resaltou o aforro que o supercomputador suporá á Administración ao estar equipado cunha tecnoloxía que abaratará os custos de refrixeración e xerará un aforro de entre un 20 e un 40 por cento en consumo enerxético en 6 anos, o que suporía uns 80.000 euros anuais.
É un aforro “moi importante” se se ten en conta que o novo sistema foi adxudicado, en concurso público, por unha cantidade próxima aos 3,48 millóns de euros, explicou Belda.
A partir de agora, o sistema arrefriarase con auga a temperatura ambiente, a través dun sistema que moverá a calor xerada por medio dunha placa fría en contacto cos procesadores e módulos de memoria.
Entre as súas prestacións inclúe a posibilidade de predicir a calidade do aire con resolucións de poucos quilómetros e cobertura nacional capaz de emitir varias predicións diarias; ademais dispón dun “modo accidente” que proporcionará, en tempo real, predicións sobre a dispersión de material contaminante nun suposto de fuga accidental.
O sistema tamén aumentará a elaboración de novos escenarios, a curto e longo prazo, relativos ao cambio climático e á predición de ondada e implementará (a final de ano) a predición probabilística, tan requirida pola sociedade.
Chegado a este punto Belda incidiu en que é necesario educar e explicar ao cidadán este tipo de predición probabilística, sen esquecer a predición determinista,aínda que iso é tarefa ardua e difícil.
O conxunto de todos estes datos reforzará o intercambio de información con organismos internacionais xa que nesta ciencia é importante compartir servizos: a meteoroloxía non coñece fronteiras políticas, só xeográficas.
Óscar de Bustos, director de Big Data da empresa Bull, destacou que a rapidez no cálculo do novo sistema permitirá que servizos públicos como Aemet adiántense a situacións complicadas que poidan pór en compromiso a vida de cidadáns.
“Hai que ser rápidos e adiantarse a un fenómeno crítico, a sociedade agradecerao”, remarcou Bustos.
Elena Sánchez Laso.- Madrid (EFEverde).-



