Inicio Galicia A Xunta pon á disposición dos cidadáns un novo visor xeográfico web...

A Xunta pon á disposición dos cidadáns un novo visor xeográfico web con información precisa sobre os espazos naturais e a biodiversidade de Galicia

A información é accesible para calquera cidadán a través do apartado de mapas do portal da Xunta de Galicia, de maneira gratuíta, sinxela e intuitiva

Os datos organízanse por capas, que son combinables entre si, de tal maneira que un usuario pode adaptar a consulta aos seus intereses, e obter, por exemplo, os límites dun parque natural coa información topográfica e sobre a rede viaria que lle dá servizo
Incorpora funcionalidades como a descarga de ficheiros, buscas a partir de diferentes referencias xeográficas (toponimia, coordenadas, referencia catastral)

No apartado da Rede Galega de Espazos Protexidos inclúense os Parques Nacionais e Naturais, os Humidais Protexidos, as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, os Monumentos Naturais e as Paisaxes Protexidas

Creouse unha agrupación coa información relativa á biodiversidade, na que atopamos capas de información coa localización das Áreas Prioritarias e de Protección da avifauna ou a delimitación dos plans de conservación

Trátase dunha ferramenta desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio e a Amtega, dentro do Proxecto de Información Xeográfica Corporativa de Galicia

Xunta-novo-visor-xeográfico-web-información-precisa-espazos-naturais-biodiversidade-Galicia

 

A Consellería de Medio Ambiente vén de poñer en marcha un novo visor xeográfico con información completa e detallada sobre a Rede de espazos naturais e da biodiversidade de Galicia que permitirá achegar uns completos contidos sobre estes enclaves de xeito sinxelo a través do enderezo:http://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/ .

A información que proporciona este visor xeográfico é descargable en calquera formato e representa unha aposta da Xunta pola transparencia, ao por á disposición dos cidadáns, de maneira gratuíta, facilmente accesible e intuitiva, información completa sobre os principais espazos naturais de Galicia.

Dese xeito, calquera persoa poderá ter acceso aos datos relativos á superficie dos espazos naturais, ás súas zonificacións concretas, topinimia, coordenadas, referencia catastral, así como aos elementos de flora e fauna que caracterizan eses lugares.

A información organízase por capas, que son combinables entre si, de tal maneira que un usuario pode adaptar a consulta ás súas necesidades e obter, por exemplo, os límites dun parque natural coa información topográfica e sobre a rede viaria que lle dá servizo.

Dentro da información relativa aos Espazos Naturais, os usuarios poden obter información sobre a Rede Natura 2000 que contén as Zonas Especiais de Protección para as Aves (ZEPA), Zonas Especiais de Conservación (ZEC), e a zonificación do Plan Director da Rede Natura 2000.

No apartado da Rede Galega de Espazos Protexidos inclúense os Parques Nacionais e Naturais, os Humidais Protexidos, as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, os Monumentos Naturais e as Paisaxes Protexidas.

Fragas do Eume
Este grupo tamén contén a zonificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural das Fragas do Eume. No marco do traballo que se está a desenvolver na planificación proposta para o parque natural das Fragas do Eume, elaborouse unha cartografía do parque coa zonificación que o afecta e as fincas do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac). Dita cartografía realizouse a escala 1:2.500, co suficiente detalle para a correcta visualización das distintas propiedades.

Con estas medidas trátase de dar resposta a unha antiga demanda da poboación que ten propiedades dentro do parque natural das Fragas do Eume, relativa á necesidade de coñecer as actividades e usos que poden realizar nas súas parcelas segundo a súa localización nas distintas categorías da zonificación do parque natural.

Noutro grupo denominado Outros Espazos Protexidos amósanse os Espazos Privados de Interese Natural (EPIN) e os Espazos Naturais de Interese Local (ENIL). As Reservas da Biosfera (Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Terras do Miño; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Área de Allariz e a Reserva Transfronteiriza Gêres-Xurés) teñen o seu propio apartado, onde se poden obter, por exemplo, os datos de superficie.
Así mesmo creouse unha agrupación máis coa información relativa á Biodiversidade, na que atopamos capas de información coa localización das Árbores e Formacións Senlleiras e as Áreas Prioritarias e de Protección da avifauna. Neste grupo tamén se inclúe a delimitación das áreas de presenza, a distribucións potenciais e prioritarias contempladas en varios plans de conservación, recuperación e xestión de especies ameazadas como é o caso do plan de conservación da píllara das dunas, o plan de recuperación escribenta das canaveiras, do oso pardo, do sapoconcho común ou as diferentes zonas de xestión do plan do lobo.
O visor mantén a tecnoloxía desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio e a Amtega para as diferentes aplicacións de visualización de información xeográfica, dentro do proxecto do Sistema de Información Xeográfica Corporativa de Galicia como é o caso do visor de urbanismo da Xunta e incorpora novas funcionalidades como a descarga de ficheiros, buscas a partir de diferentes referencias xeográficas (toponimia, coordenadas, referencia catastral) e a posibilidade de cargar o servizo WMS do Catastro.

A través das ferramentas de visualización e navegación do visor os cidadáns poderán tamén acceder á cartografía dos espazos naturais de Galicia e buscar elementos de acordo con determinados criterios xeográficos ou temáticos.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
289SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies