spot_img
InicioO SalnésArousaAs obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés...

As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados de marzo

As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados de marzoA conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Portas asinaron esta mañá o convenio de colaboración que prevé un orzamento de case 200.000 euros, achegados integramente polo Goberno Galego.

As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados do vindeiro mes, tras formalizar a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e senllos rexedores locais asinaron esta mañá este convenio de colaboración, polo cal o Goberno galego dispón integramente case 200.000 euros para a execución destes traballos

A actuación consistirá na execución da segunda fase construtiva do acondicionamento dun tramo do antigo trazado de ferrocarril Pontevedra-Carril-Santiago de Compostela para o seu uso como vía verde. Trátase de intervir nun tramo do trazo do ferrocarril entre Vilagarcía de Arousa e a Estación de Portas, que quedara en desuso coa posta en funcionamento do Eixo Atlántico de Alta Velocidade entre ambas localidades. Concretamente, o treito en cuestión ten unha lonxitude total de 9.195 metros que discorren a través dos termos municipais de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas.

Tal e como explicou a conselleira, procederase á sinalización para a identificación do recorrido, así como a sinalización prohibitiva e normativa; o que implica o deseño, elaboración e colocación de carteleiras con tellado, carteis de información xeral e direccionais, catro mesas temáticas, carteis para sinais preventivas, así como fitos quilométricos e diversa carteleira de contextualización ferroviaria. Tamén se instalarán equipamentos complementarios coa colocación de seis mesas de picnic, sete bancos de madeira e quince aparcabicis de catro prazas; para que os veciños e turistas poidan gozar desta zona.

Outros traballos destacados son o acondicionamento de pontes e outras estruturas, polo que se retirarán as vías, proteccións e demais estrutura auxiliar e procederase a unha limpeza da estrutura con reparación do deteriorado e repintado, e por último colocarase unha tarima de madeira duns seis centímetros, así como novas proteccións laterais. As previsións son iniciar pola rehabilitación da ponte de ferro sobre o río Umia ao seu paso por Portas, a cal conta ademais cun gran valor arquitectónico.

As dúas primeiras actuacións afectan a todo o percorrido da Vía Verde, polo tanto aos tres concellos.

Grazas ao acordo asinado pode executarse a parte do proxecto que quedara excluída da actuación que están a desenvolver os concellos coa Deputación. Continuarase así co acondicionamento da Vía Verde do Salnés como unha senda máis a integrar no Programa de Camiños Naturais do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) e, sobre todo, completaranse as melloras previstas neste itinerario, que se converterá na primeira vía verde ferroviaria de Galicia e coa que se pretende dar un novo uso á liña de ferrocarril que une Vilagarcía de Arousa e Portas e poñelo en valor como itinerario ambiental, paisaxístico, turístico e patrimonial para o seu emprego tanto por parte de peóns como de ciclistas.

Programa Vías Verdes

A recuperación deste antigo trazado ferroviario enmárcase no chamado Programa Vías Verdes, coordinado pola Fundación de los Ferrocarriles Españoles (FFE) que, ademais, desempeña as funcións de información e promoción do mesmo. A obra proxectada supón unha intervención para a mellora da protección e conservación do patrimonio natural e compre cos criterios básicos de selección de operacións aprobados, sendo coherentes coa planificación establecida pola Administración para a protección e xestión da biodiversidade.

- Publicidade -spot_img