spot_img
InicioPontevedra e ÁreaAs mulleres rurais da provincia de Pontevedra reivindican protagonismo e liderado cara...

As mulleres rurais da provincia de Pontevedra reivindican protagonismo e liderado cara á saída da pandemia

As mulleres rurais da provincia de Pontevedra reivindican protagonismo e liderado cara á saída da pandemia As mulleres do rural da provincia de Pontevedra piden paso, protagonismo e liderado para formar parte “nas decisións” do futuro modelo de desenvolvemento para o territorio, que ten que arbitrarse no proceso de recuperación da pandemia da Covid19.

Na xornada “As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural”, organizada pola Deputación de Pontevedra e Fademur, mulleres da agricultura, a gandería, a horticultura e os servizos públicos como a educación no rural, compartiron reflexións sobre a influencia da pandemia nos seus respectivos sectores laborais, avanzaron as súas opinións sobre a saída da crise sanitaria, e reivindicaron “ser tidas en conta” no debate político. De feito, as conclusións desta xornada, enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación, serán elevadas ás administracións públicas, ás que instan a integrar ás mulleres no debate do futuro modelo de desenvolvemento que inclúa os novos fondos europeos.

“O mundo está como está –destacou a presidenta provincial Carmela Silva– pero nós non queríamos renunciar a darlle protagonismo ás mulleres do rural”.  Neste eido a presidenta, quen cualificou ás conferenciantes como “moi potentes, empoderadas, innovadoras e con grande compromiso co rural”, remarcou que durante a pandemia “tiveron que enfrontarse a situacións moi complicadas” e por iso “teñen moito que aportar dende o coñecemento e a reflexión”.

Ao respecto, Silva propuxo e concordou coas mulleres participantes na xornada  “elaborar un documento, para facer chegar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España, coas conclusións da xornada, onde establezamos o que opinamos as mulleres, por onde cremos que hai que ir, porque hai que construír territorios e facelo en clave feminino. Nós temos moi claro cales son os proxectos de desenvolvemento fundamentais a implantar e debemos ter a capacidade de poñelos enriba da mesa para poder demandar de forma continuada. Se  non lideramos isto ninguén vai mirar para nós”.

Carmela Silva recordou ademais que “todo o mundo di que o rural sen mulleres non ten futuro” pero “estamos fartas desas declaracións de intencións. Queremos recursos e proxectos para poñer en marcha”.  Neste eido, a presidenta recordou que “van chegar moitos recursos da Unión Europea” centrados no cambio de paradigma e modelo económico cara “a valores moi ligados ao medio ambiente, cunha repercusión moi relevante no rural, á innovación, coñecemento, cohesión social, loita contra o despoboamento e dixitalización”. Sen embargo, Silva lamentou que “non están contando coas mulleres, non nos preguntan a onde deberían ir eses recursos. Por iso esta xornada é imprescindible, porque as mulleres temos que ter presenza no debate, análise e proposición cara ao futuro inmediato. Temos que estar no centro das decisións políticas”.

A presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, que exerceu de moderadora, incidiu en que desde marzo, as mulleres do rural “tivemos que reinventarnos persoal e profesionalmente” e subliñou que soamente coa análise do sucedido “poderemos construír elementos de oportunidade no mundo rural no que queremos vivir”. Neste senso, subliñou que “por primeira vez en moitos anos abriuse unha fiestra de oportunidade que ata agora estivera pechada” e abundou na necesidade de preparar “un proxecto de futuro para o rural”.  Nese proxecto, dixo, teñen que ter especial importancia aspectos como a economía verde e circular, o comercio de proximidade e a posta en valor dos proxectos innovadores que están a desenvolver as mulleres neste medio, “onde a necesidade está levándoas a facer un aporte en diversificación importantísimo”. “Ese futuro rural 4.0 –destacou-, ten que ter unha liña estratéxica para apoialas. E outro dos aspectos a ter en conta, segundo manifestou, “é a incorporación da perspectiva de xénero e ruralidade nas políticas públicas”. Lembrou que a violencia de xénero ten un compoñente distinto no medio rural que nas cidades “e os recursos para atendela teñen que ser máis dinámicos e buscando conexión coas familias”.

Teresa Domínguez, a directora do Colexio Rural Agrupado de Tui Mestra Clara Torres, que acaba de ser galardoado como Escola do Ano pola súa dinamización do sector rural nos Premios da Fundación Princesa de Girona, incidiu na fenda dixital que ao seu xuízo puxo de relevancia a pandemia no eido educativo. Explicou que no caso do seu centro, a atención ás crianzas e familias foi durante o confinamento maioritariamente a través de whatsapp polas limitacións e destacou “a retroalimentación” que recibiu das familias neses momentos. Pero a nivel xeral lamentou que seis meses despois, “paréceme que non fixemos a suficiente; non aprendemos da lección, da oportunidade que tivemos para mellorar e avanzar e estamos quedando atrás”. Por esta razón, puxo como tema primordial na axenda dese futuro do rural a solución a esta fenda dixital, “que hai que rachar si ou si”, amais da necesidade de que a contorna rural poida ter as mesmas “oportunidades de cultura”: “Se eu teño oportunidades de cultura, educación, comercio de proximidade, podo vivir no rural como elección”. E, por último, tamén se referiu ao obxectivo de acadar a rotura do teito de cristal que sofren as mulleres e á necesidade de mellorar o sistema educativo, comezando co proceso de selección: “Somos moi competentes nun temario pero hai certos elementos que ten que ter calquera persoa que se dedique a un servizo público que non están nun temario”.

Pola súa banda, Patricia Rodríguez, socia da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), sinalou que o sector da flor cortada foi especialmente afectado por esta pandemia “xa que ao tratarse dun produto perecedoiro, durante o estado de alarma tivemos que tirar toda a mercancía”. Malia isto, a enxeñeira agrónoma amosouse optimista e incidiu na importancia “de facer unha parada e volver a arrancar, temos a capacidade de saír adiante”. Neste eido, enxalzou que gracias á acuBam e ao traballo en conxunto de todas e todos “fomos unha das zonas de toda España que antes conseguimos recuperar as ventas”. Ao respecto, Rodríguez explicou que o confinamento levou á poboación a buscar espazos máis abertos e a coidar os xardíns, “e isto axudounos a amortiguar o golpe”. En canto ao futuro, fixo fincapé en que esta é unha oportunidade para reconstruírnos e para potenciar a economía rural e o produto de proximidade “que fixa a poboación e dá recursos á xente de aquí”. “Hai moitos prexuízos contra o sector primario e a maneira de poñelo en valor é dende a educación, a nosa actividade é fundamental”, concluíu. Patricia Rodríguez leva traballando durante anos pola mellora do sector do campo, pola súa posta en valor e polo recoñecemento do traballo agrario como unha oportunidade de vida de calidade.

Mari Luz García Barreiro, produtora de vacún de carne da raza Rubia Galega de Nigoi (A Estrada), tamén se amosou esperanzadora con respecto ao futuro afirmando que “gracias a esta situación, estou segura que imos saír moi reforzadas”. Amais, durante o acto, Mari Luz García reivindicou que o sector primario “necesita prezos dignos para os produtos e así poder contar cun soldo digno a fin de mes”. García Barreiro, que hoxe conta con máis de 30 cabezas de ganado selecto de rubia galega, é unha das tantas mulleres rurais que continúa traballando

- Publicidade -spot_img