spot_img
InicioPontevedra e ÁreaAs Deputacións de Pontevedra e Xaén abren vías de colaboración en FITUR...

As Deputacións de Pontevedra e Xaén abren vías de colaboración en FITUR para poñer en valor os seus patrimonios

as-deputacions-de-pontevedra-e-xaen-abren-vias-de-colaboracion-en-fitur-para-poner-en-valor-os-seus-patrimonios
Carmela Silva, Susana Díaz e Francisco Reyes

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva agradeceu a presenza de Susana Díaz, presidenta da Xunta de Andalucía, que valorou moi positivamente a conexión entre o norte e o sur para sumar sinerxías e amosar o valor das Deputacións no conxunto do Estado

Carmela Silva, mantivo hoxe durante a celebración da Feira Internacional de Turismo FITUR unha reunión co Presidente da Deputación de Xaén, Francisco Reyes Martínez, no stand da Xunta de Andalucía na que exploraron as distintas vías de colaboración que as dúas institucións provinciais poden levar a cabo en materia da posta en valor dos patrimonios históricos e culturais de cada unha das dúas provincias.

No encontro, Carmela Silva tamén departiu coa presidenta da Xunta de Andalucía, Susana Díaz. “Amosouse encantada coa relación que vimos de establecer as dúas institucións provinciais, unha conexión entre o norte e o sur que, sumando sinerxías e poñendo en valor as boas prácticas, permite que fagamos as cousas moito mellor e amosar o valor que teñen as Deputacións neste estado”, en concreto “o mantemento e posta en valor do patrimonio arquitectónico de moitos pequenos concellos, que non sería posible se non fose pola aposta que as Deputacións fan a este respecto”.

Ademais, Silva declarou que “coa Presidenta de Andalucía falamos das nosas potencialidades e de como seguir apostando e dedicando recursos para que España se converta aínda máis nunha superpotencia turística, a través de turismo de calidade, de excelencia, respectuoso co entorno e que nos permita manter todos os recursos medioambientais” á vez que reclamou “que o Goberno de España reinicie o proceso de apoio ás Deputacións e aos concellos con recursos para que o patrimonio do noso país poida ser un elemento de atracción turística, o que precisa investimentos e recuperar os proxectos que foron parados produto da crise”.

Carmela Silva sinalou que durante a reunión coa Deputación de Xaén “falamos de cuestións que nos afectan a ambas as dúas provincias sobre asuntos nos queeles xa teñen un camiño moi elaborado e consolidado”, en concreto a “Ruta dos Castelos e das Batallas” que, como indicou a Presidenta provincial, “supuxo a rehabilitación, mantemento e o uso dese grande patrimonio que hai en Xaén, e que temos tamén na provincia de Pontevedra, para convertelo nun grande elemento de atracción turística”. Referiuse Carmela Silva en concreto aos Castelos de Soutomaior e do Sobroso, sobre os que que lembrou que a institución provincial “está a traballar para elaborar un plan de usos sobre eses elementos patrimoniais que nos permitirán acadar atracción turística e que se converterán nun elemento singular co que amosaremos a nosa singularidade”.

Ademais, durante a reunión celebrada ao abeiro da presente edición de FITUR a Presidenta da Deputación de Pontevedra e o da Deputación de Xaén tamén abordaron o protocolo de posta en valor de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra, “que é algo que nos une ás dúas provincias, xa que as dúas temos un número moi importante de xacementos arqueolóxicos que temos que recuperar porque é a nosa tradición, a nosa historia e o lugar de onde vimos”, asegurou Carmela Silva. A Presidenta provincial engadiu que“as vilas non poden avanzar se non saben de onde veñen, se non coñecen os nosos devanceiros e devanceiras, e gustaríanos poder construír un espazo onde percorrer todos os xacementos e amosar un gran paquete con todas as atraccións que isto pode levar consigo”.

O Presidente da Deputación de Xaén, Francisco Reyes Martínez, pola súa banda asegurou que “as Deputacións temos que garantir que os concellos teñan infraestruturas, servizos e tamén oportunidades, como o é o turismo, aproveitando os recursos naturais e tamén o patrimonio, que supón pór en valor e recuperar o que nos ofreceron os nosos antepasados e ofrecelo como un reclamo”. Sobre a reunión coa Deputación de Pontevedra, asegurou que a institución provincial “é capaz de ver as posibilidades que ten un territorio a partir de recursos que sempre estiveron aí”, e por iso amosou a súa satisfacción cos resultados deste encontro.

 

- Publicidade -spot_img