spot_img
InicioVigo e áreaVigoAs asociacións viguesas estarán presentes no Festival de Cine Inclusivo

As asociacións viguesas estarán presentes no Festival de Cine Inclusivo

As asociacións viguesas estarán presentes no Festival de Cine InclusivoA inclusión volve ser un ano máis un dos piares do Festival de Cine Inclusivo, que se celebra do 18 ao 22 deste mes en diferentes localizacións da cidade. Co obxectivo de involucrar a masa social de Vigo, o festival inclúe na súa programación varias proxeccións e actividades nas que participan asociacións viguesas

Revista COUSAS DE Nº15

O festival acolle a estrea do documental Alborada, o xoves 20 no Auditorio do Concello dentro da sección VIG-IN DOC, Documentais internacionais pola inclusión. Alborada conta a historia desta asociación que naceu en 1982, promovida por un grupo de cidadáns preocupados pola irrupción do consumo de drogas, que afectaba especialmente á xente máis nova. O documental dirixido por Javier Álvarez e Helena Ocampo, dá unha visión intimista do traballo e as problemáticas que se atopan na asociación a través de declaracións exclusivas de traballadores e internos. Na proxección participarán os directores do filme e Jesus Cancelo, director da Asociación Alborada.

O mesmo día, pero no Museo MARCO dentro da sesión de curtametraxes arredor da discapacidade, proxectarase o documental 10 anos de Discamino, dirixido por Víctor Bello é que narra a historia deste proxecto que comezou hai unha década coa peregrinaxe de Gerardo González, xordo-cego, a Santiago. A proxección deste documental será o xoves ás 18h.

O venres 21 estrearase en Vigo o filme Acero5, que narra a historia en primeira persoa de Gonzalo Suárez, director do festival, desde que no 2006 sufre un accidente de tráfico que lle causa unha lesión medular. A vida de Gonzalo dá un xiro e para non estar tan solo decide practicar baloncesto en cadeira de rodas no famoso club vigués AMFIV. Este club naceu no 1982, coa idea de potenciar ás persoas con algún tipo de discapacidade física a través do deporte. Despois da proxección da película, que terá lugar nos Cines Salesianos ás 21h, haberá un coloquio co director.

A fundación Érguete participa na sección Coñece!, dedicada a escolas, o mércores día 19. Ás 11 da mañá alumnos de diferentes institutos acudirán á proxección do filme Her no Auditorio do Concello. A película de Spike Jonze, que conta a historia dun home que se enamora do seu sistema operativo, servirá para falar da adicción ás pantallas. A pedagoga María Novelle e a especialista Laura Durán da Asociación Érguete explicarán o traballo que fan desde a asociación con persoas que sofren calquera tipo de adicción, incluída a tecnolóxica.

O festival encherá a cidade de cine con proxeccións e actividades gratuítas ao longo de cinco días, do martes 18 ao sábado 22 de outubro, que terán lugar no Auditorio Municipal do Concello, o Museo MARCO e o Cine Salesianos. A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o VII Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o patrocinio e colaboración de diferentes administracións e entidades privadas.

 

- Publicidade -spot_img