As crías, de só dous días de vida, foron recollidas polo persoal do centro de acollida da Deputación de Pontevedra na Armenteira e xa están a ser aleitadas por unha cadela
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra recolleu o pasado xoves dúas crías de cadela abandonadas nun colector do lixo en Cuntis con apenas dous días de vida e sen alimentar. Foi o persoal de limpeza do citado Concello quen encontrou os animais en condicións críticas cando realizaba o seu servizo e lle deu aviso a Protección Civil de Cuntis, que trasladou as cadeliñas á súa base, onde foron recollidas polo persoal do CAAN.
As crías, de cor negra e mestizas, que foron bautizadas no centro como Ánxela e Mara, recupéranse agora coa axuda de Rula, outra cadela do centro que as adoptou e que as está a aleitar. O persoal do CAAN destacou que Rula está a aceptar moi ben as pequenas crías, que van evolucionando favorablemente, aínda que son moi débiles debido a que non se alimentaran desde o seu nacemento. Desde o centro da Armenteira destacan que o aleitado é a mellor forma de cría para estes primeiros momentos, aínda que se os cachorros non gañan peso complementarase a alimentación con biberóns. Se a recuperación vai adiante, o CAAN esperará a que cumpran 45 días para vacinalas e poder logo ofrecelas en adopción.
A Deputación de Pontevedra lamenta este novo episodio de abandono animal e salienta que unha sociedade desenvolvida “non se pode permitir abandonar dous cachorros abocados á morte”. A pesar de que boa parte da sociedade está cada vez máis concienciada acerca desta problemática e tamén a respecto das adopcións, aínda seguen a ser numerosos os casos de maltrato. O CAAN segue mantendo a premisa coa que naceu: fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. Neste senso, hai que subliñar que desde a súa posta en marcha en abril do 2013 o centro superou as 9.000 intervencións nos 48 concellos da provincia que están adheridos a este servizo da Deputación, cunha poboación beneficiada de 400.000 persoas. Preto de 400 animais atópanse neste momento no centro e, no que vai de 2019, recolléronse 563.
O Goberno de Carmela Silva, que porá en marcha nas próximas semanas unha nova campaña contra o abandono e a favor das adopcións, aprobou a principios de setembro a adxudicación do contrato para o inicio de novas actuacións de mellora no CAAN de Meis por valor de 293.627,90 euros. Tal e como explicou a presidenta, o proxecto abrangue a creación dunha nova zona de maternidade e outra de esparexemento, a remodelación da zona de corentena e hospitalización e a mellora do espazo de clínica para adecuar o CAAN á Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia.



