spot_img
InicioAlto MinhoAlumnado de Xeografía e Historia das universidades de Santiago e Minho visitan...

Alumnado de Xeografía e Historia das universidades de Santiago e Minho visitan a Eurocidade Cerveira-Tomiño

Alumnado de Xeografía e Historia das universidades de Santiago e Minho visitan a Eurocidade Cerveira-TomiñoAcompañados de docentes, estes 70 estudantes estaban especialmente interesados nos orzamentos participativos de Cerveira-Tomiño “como experiencia pioneira a nivel transfronteirizo”

 A Eurocidade Cerveira-Tomiño esperta o interese do estudantado de Xeografía e Historia. Arredor de 70 alumnos e alumnas e seis docentes das universidades de Santiago de Compostela e Minho (Braga) visitaron Tomiño para coñecer de primeira man os pormenores deste proxecto das dúas beiras do Miño, con especial fincapé nos orzamentos participativos por ser “unha experiencia pioneira a nivel transfronteirizo”.

Con esta saída de campo, estes estudantes de materias como Xeografía de Galicia, Xeopolítica, Ordenación do territorio ou Xeografía social e cultural buscaban achegarse á fronteira e reflexionar arredor dos territorios con proxectos transfronteirizos comúns.

Técnicos de Cerveira e Tomiño foron os encargados de presentarlles no auditorio de Goián a creación e desenvolvemento da Eurocidade, repasando os seus principais obxectivos e actividades: a gobernanza e participación cidadá, o aumento da cohesión social e da calidade de vida pola xestión conxunta de servizos públicos compartidos entre ambos dous concellos e a dinamización económica da contorna, con maior aproximación entre as condicións sociais e económicas das dúas beiras do Miño e con novas oportunidades de negocio e emprego.

OPT e Parque da Amizade

Interesados na ordenación do territorio transfronteirizo, os e as visitantes participaron nun coloquio tras a presentación do proxecto no que se interesaron, ademais de polo OPT, pola futura ponte peonil e polo Parque da Amizade. De feito, o alumnado aproveitou esta súa visita práctica a Tomiño para coñecer distintas experiencias e para percorrer tamén os terreos nos que se asentará o futuro parque na fortaleza de Goián.

Coa creación do Parque da Amizade Cerveira-Tomiño procurarase a unión de dous espazos urbanos próximos que comparten o mesmo espazo natural e son vividos da mesma forma polos seus usuarios e usuarias, un espazo europeo sen fronteiras físicas ou psicolóxicas que fomente a identidade común, promova a mobilidade, contribúa a estruturación dunha rede de corredores verdes transfronteirizos e que constitúa un espazo integrado para a promoción de iniciativas conxuntas.

A saída de campo destes alumnos e alumnas completouse coa visita á sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Rio Miño (AECT Río Miño) en Valença ou ás Gándaras de Budiño.

Novo folleto informativo

Ao remate da visita dos e das estudantes das universidades de Santiago e de Minho, o persoal técnico lles entregou o novo folleto da Eurocidade Cerveira-Tomiño. En formato revista, este folleto recolle os eixos claves do proxecto común destes dous concellos, un novo modelo de gobernanza trasnfronteiriza baseado no traballo técnico e político conxunto e nunha participación pública efectiva.

Non é a primeira vez que a Eurocidade achega o seu proxecto á comunidade educativa, xa que os técnicos e técnicas xa presentaron as bases deste traballo transfronteirizo a alumnado de ciclos de formación en Intervención Comunitaria.

- Publicidade -spot_img