Da man de THE ELVIS CONNECTION, as cancións de ELVIS PRESLEY volveron con máis forza que nunca, no Teatro Afundación de Vigo, no concerto a favor da Asociación Española Contra el Cáncer
Xa hai 45 anos que ELVIS PRESLEY abandonou o edificio… pero da man de THE ELVIS CONNECTION, as súas cancións volven con máis forza que nunca. Algo que puido comprobar e gozar o numeroso público que case encheu o Teatro Afundación.
Elvis Presley é unha icona do século XX e unha das figuras máis relevantes da historia da música, como testemuñan as súas máis de cen discos de ouro, platino e multiplatino e para renderlle un tributo excepcional, reúnense en Vigo THE ELVIS CONNECTION, unha banda liderada polo reputado crooner ALBERTO CUNHA e que conta nas súas filas con músicos cunha amplísima bagaxe e traxectoria musical, como DAVID VÁZQUEZ (Moon Cresta) ao piano, ANDRÉS CUNHA (Siniestro Total, Los EP) á batería, CHUS DASILVA (Los EP) ao baixo, PAULO PASCUAL e JAVIER SOTO (Siniestro Total, Resentidos) ás guitarras eléctricas.
O repertorio incluíu os éxitos inesquecibles de ELVIS PRESLEY, cancións de sempre como HEARTBREAK HOTEL, LOVE ME TENDER, KING CREOLE, SUSPICIOUS MINDS, BURNIN LOVE, etc. facendo un perfecto percorrido pola extraordinaria carreira dunha das figuras máis importantes da música mundial.