Na inauguración da mostra “Laxeiro e a arte da súa época”, o Alcalde de Vigo avanzou unha viaxe a outras cidades, entre elas, Nova York porque é unha exposición “grandiosa” que transcende nunha visión revolucionaria da cultura
“Laxeiro e a arte da súa época” e unha exposición novidosa na que se trata de mostrar, por vez primeira, unha selección das súas obras máis destacadas situándoas no contexto da arte da súa época, xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención (Ignacio Zuloaga, Jesús Corredoyra, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Carlos Maside, Asorey, Maruja Mallo, Luis Seoane, Torres García), ou que formulan referencias para un rico diálogo visual.
Na súa intervención, Caballero explicou que este era un ano no que “tiñamos que acometer un vello soño: lanzar ao mundo o incomparable talento de Laxeiro”. Pintor que transcende, nunha visión revolucionaria da pintura, necesita de máis espazos. Por eso esta mostra parte dun acerto xeral que é o de establecelo en rupturas de tempos e espazos, con obra de Miró, de Goya…
Na súa opinión, é preciso lanzar Laxeiro ao mundo porque é un creador con tal talento que aguanta a comparación cos mellores talentos do planeta. “Esta grandiosa exposición rompe barreiras e abre fronteiras, temos que facer que Laxeiro cabalgue fronteiras”.
Respecto do futuro, Caballero avanzou que hai proxectos para que esta exposición viaxe ao resto do mundo, non queremos que quede só no Marco, queremos que todo o mundo a vexa, “teño un reto persoal, que chegue a Nova York”. Reiterou que Laxeiro é o máis importante pintor que houbo nunca en Galicia e dos máis importantes do mundo”
“LAXEIRO e a arte da súa época”, 23 febreiro– 21 xullo 2023
O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, quere culminar o ano Laxeiro, que finaliza en abril de 2023, coa exposición titulada “LAXEIRO e a arte da súa época”, unha mostra de produción propia comisariada polo director do Museo, Miguel Fernández-Cid.
Como un xesto á traxectoria vital do artista, as datas de inauguración (23 de febreiro) e clausura (21 de xullo) fixéronse coincidir co día de nacemento e pasamento do pintor.
A exposición formula unha visión novidosa, unha proposta de debate, que pon o acento no diálogo da súa pintura coa doutros artistas coetáneos, e que incide na necesidade de estudar a Laxeiro no contexto da arte do seu tempo.
Por vez primeira, unha selección das súas obras máis destacadas exhíbese xunto a pezas doutros artistas que Laxeiro miraba con atención (Zuloaga, Corredoyra, Souto, Colmeiro, Maside, Asorey, Mallo, Seoane, Torres García), ou que formulan referencias para un rico diálogo visual. Entre as “devocións”, Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz, Palencia, ou os máis tardíos Saura, Canogar ou Barcala. E como referencias especiais, artistas como Rembrandt e Goya, presentes con obra gráfica.
A exposición conta con obras das coleccións do Concello de Vigo (da Fundación Laxeiro e do Museo Municipal Quiñones de León), pero tamén de coleccionistas particulares e de museos e institucións galegos e doutras comunidades. De especial importancia é a presenza de obras do Museo de Belas Artes de Bilbao, así como os conxuntos das coleccións ABANCA e Afundación, das galerías Montenegro e Artemanz, e de coleccións que, malia seren privadas, son conscientes de gardar tesouros públicos. O noso agradecemento a todos pola súa xenerosa complicidade.