Inicio O Condado As Neves A XXIX Feira do Requeixo e do Mel das Neves presentada nun...

A XXIX Feira do Requeixo e do Mel das Neves presentada nun grande acto en Monção

A XXIX Feira do Requeixo e do Mel das Neves presentada nun grande acto en MonçãoA Escola Profesional do Alto Miño Interior (EPRAMI), en Monção acolleu a presentación  da XXIX Feira do Requeixo e do Mel que se celebrará nas Neves os vindeiros días 10 e 11 de abril

No acto estiveron presentes o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o concelleiro de Acción Social, Cultura e Turismo de Monção , Joao Oliveira, a concelleira de Cultura das Neves, Rocío Barreiro, e o presidente da Cooperativa do Requeixo das Neves, Alejandro Martínez.

As actividades do programa deste ano empezarán xa domingo 15 de marzo, coma explicou Rocío Barreiro, coa ‘IX Ruta BTT O Requeixo’, organizada pola ACD Sanomedio -dende as 08:30h.

Xoves, 2 de abril -ás 15:00h -será o día do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves, no Obradoiro da EFA A Cancela; o día 3, dende as 11:00h. celébrase o ‘Requeixo Miúdo’, actividade educativa con requeixo e mel, no CEIP Marquesa do pazo da Mercé e o día 4, ás 10:00h. a disputa do Campionato de Badminton II TTR As Neves Vila do Requeixo e Mel, no Pavillón Municipal. Ás 19:30h., na Casa da Xuventude, apertura da Exposición Fotográfica do GDR Condado-Paradanta, ‘Visións do Territorio’, que estará aberta ata o día 19.
Martes, día 7, dende as 17:00 h., no Centro Social, Xornada técnica sobre ‘O requeixo como produto galego con indicativo de calidade’, impartida por técnicos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e cata comentada por técnicos de Taste-Lab. O mércores, día 8, ás 20:00 h., no Auditorio Municipal, actuación da Banda Xuvenil da Banda de Música Municipal de Rubiós.
Días de feira venres e sábado santos

Os actos do primeiro día da Feira do Requeixo comezarán o Venres santo, día 10 de abril, ás 11:00 h. coa apertura da Feira; seguida da Recepción na Casa do Concello; ás 12:00h., o Pregón Gastronómico, a cargo do Chef Iñaki Bretal, integrante do Grupo Nove, do Restaurante O Eirado de Leña, galardoado cun Sol Repsol no ano 2020.

De seguida entrega de premios do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves. Ás 12:30h. Animación musical a cargo de Cé Orquestra; ás 16:30h. Radio Bulebule, actuación infantil a cargo de Paco Nogueiras e ás 20:30h., na Praza Maior, concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

O segundo día da feira, o sábado, 11, a apertura será ás 12:00h. que dará paso, ás 13:00h, ao Vermú, amenizado por Os Monifates e ás 18:00h. Blues do País en concerto na Praza Maior.

De xeito permanente, durante os dous días da Feira haberá unha carpa de alimentación, carpa de artesanía e espazo infantil.

O valor do Requeixo e do Mel

No acto de presentación deste sábado, o alcalde das Neves subliñou a importancia de “dar valor ao noso produto e ás persoas que se involucran con él” e resaltou o feito de que o mesmo e quen de incorporar elementos que teñen que ver coa sensibilidade, co sentir da música ou da gastronomía e de motivar emocionalmente”.

Xosé Manuel Rodríguez Méndez agradeceu á acollida e o interese da Cámara Municipal e das veciñas e veciños de Monçao, máis que veciños, irmáns que fixeron posible que a Feira do Requeixo medre e sexa xa unha cita que se internacionaliza e que contribúe á cohesión territorial entre estas dúas beiras do Miño que non é un río que separa senón un camiño que xunta.

Unha unión aínda máis estreita entre As Neves e Monçao

Pechou o acto oficial de presentación o concelleiro de Acción Social de Monçáo quen asegurou que “hoxe estamos todos na casa” e que amosou o seu orgullo porque o lar desta cita fose a Escola de Monçao que “é unha referencia, no eido gastronómico, dentro e tamén fora da nosa vila”.

Joao Oliveira, asegurou que “quen vai As Neves á Feira do Requeixo e do Mel acaba sendo cliente dos seus produtos”, anunciou que Monçao e As Neves traballan nun proxecto conxunto que vai a estreitar máis a relación entre os dous pobos e concluiu asegurando que “cando un camiña so vai máis rápido, pero quen camiña acompañado chega máis lonxe”.

A presentación deu paso a unha degustación, na zona exterior da Escola, de pratos doces e salgados, elaborados polos chefs Fran Soteliño e Rui Ribeiro, cociñados na mesma escola e maridados con viños de Monçao.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

- Publicidade -


+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies