O Executivo galego promove unha campaña de captación de sinaturas para impulsar a elección para este galardón de Javier Pitillas que a través do seu labor solidario, posibilita que persoas con discapacidade poidan realizar e gozar do Camiño de Santiago
A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para impulsar a candidatura de Francisco Javier Pitillas Torra, responsable da iniciativa Discamino, ao Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021, polo seu labor solidario, que posibilita que persoas con discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago.
O Goberno galego está contactando con representantes de asociacións de amigos do Camiño e outras institucións vencelladas ao fenómeno xacobeo e aos ámbitos deportivos e ás entidades relacionadas coa discapacidade e a inclusión social para promover sinaturas de apoio ao recoñecemento de Pitillas con este galardón.
Por outra parte, a Xunta tamén fomenta a participación individual nesta campaña a través das redes sociais mediante documentos que se poderán descargar da internet para asinar e enviar ao correo electrónico comunicacion.turismo@xunta.gal.
Iniciativa solidaria
Discamino naceu no ano 2009, destinada a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a todas as persoas con discapacidade que mostren interese nesta ruta de peregrinación como vía de superación persoal ademais de difundir os valores da cultura do deporte e do esforzo, así como o recoñecemento e a valía de todas as persoas, independentemente das súas características.
Na actualidade, Discamino conta con 90 voluntarios que co seu traballo posibilitaron que ata o de agora 115 persoas con discapacidade puidesen vivir a experiencia da Ruta xacobea.
En total, desde hai xa 11 anos e de xeito ininterrompido, realizáronse 72 camiños, entre os que salientan catro veces o Camiño Francés, dúas a Vía da Prata e distintas probas deportivas como a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, a volta ciclista polo Cantábrico ou as rutas polos Alpes e os Pirineos.
Francisco Javier Pitillas Torra –Vigo, 1962- é sarxento da Policía Local da Cidade viguesa e atleta de éxito internacional.
Apaixonado do atletismo, foi subcampión absoluto de España, internacional en seis ocasións, e campión de España en categoría de veteranos.
No ano 1996, Javier Pitillas comezou a adestrar a persoas asociadas á Organización Nacional de Cegos, ONCE, e desde entón adestra a persoas con discapacidade e colabora con multitude de entidades de atención á discapacidade tanto de ámbito autonómico como estatal.
Polo seu traballo con Discamino, Pitillas conta coa Medalla Castelao en 2014 e a condecoración da Orde do Mérito Civil en 2015.
[…] A Xunta impulsa a candidatura ao Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021 do responsable da ini… […]
Citar Comentario
Citar Comentario