
Máis de 2,6 millóns de euros investirá o consorcio no vindeiro exercicio en adquisición e rehabilitación nesta zona da cidade
A Xunta de Galicia realizou unha achega extraordinaria de 200.000 euros ao Consorcio Casco Vello de Vigo que se destinará á adquirir inmobles no Berbés para a súa posterior rehabilitación. Pola súa parte, o Concello de Vigo deberá realizar unha aportación que lle corresponde en función da presenza de cada un dos organismos no capital social do consorcio, que corresponde nun 90 por cento á Consellería de Infraestruturas e Vivenda e no 10 por cento restante ao concello.
Asemade, o orzamento do IGVS para 2017 contempla unha nova achega, tamén de 200.000 euros, no ano próximo.
A achega extraordinaria permitirá ao Consorcio Casco Vello de Vigo intensificar as súas actuación na rehabilitación de dito casco vello, prevendo destinar no ano próximo máis de 402.000 euros á adquisición de novas edificacións na zona do Berbés, así como actuacións de rehabilitación en once edificacións xa adquiridas, parte das cales quedarán rematadas en 2017. En total, o Consorcio Casco Vello de Vigo investirá o ano próximo en rehabilitación e adquisición de novas edificacións máis de 2,6 millóns de euros.
As actuacións do consorcio en 2017 centraranse na Ribeira do Berbés e rúas Ferrería, Cruz Verde, Hortas, Subida ao Castelo e Subida á Costa.
Dende a súa constitución, o consorcio leva rehabilitadas 99 vivendas e 27 locais comerciais no ámbito do casco vello de Vigo e, actualmente, traballa na rehabilitación doutras 11 vivendas e 3 locais comerciais.



