Inicio Pontevedra A Universidade achega ao público vigués unha proposta regular de cine documental

A Universidade achega ao público vigués unha proposta regular de cine documental

Co obxectivo de achegar o cine documental ao máximo número de espectadoras e espectadores e abrilo a novos públicos, a Universidade de Vigo amplía a programación da serie Docs del mes a Vigo e Ourense, que se suman á cidade de Pontevedra, onde a actividade se desenvolve desde o ano pasado, man da Vicerreitoría do campus.

En total son cinco as proxeccións previstas no auditorio municipal da rúa Areal de Vigo, que se suma así á iniciativa de DocsBarcelona, posta en marcha no ano 2004 e da que desde 2007 se encarga a compañía Parallel 40, e que na actualidade se está a desenvolver en máis de 70 salas de España e América Latina.  

As proxeccións, que se desenvolverán entre os meses de marzo a xuño entre as 19.00 e as 20.30 horas, comezarán o vindeiro 7 de marzo co pase de Ouaga girls, da directora sueca e de Burkina Faso, Therese Traoré Dahlberg. O 2 de abril proxectarase Bobbi Jene, da realizadora danesa Elvira Lind e o 25 de abril será a quenda de Namrud do director español Fernando Romero. As proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, continuarán os días 30 de maio e 20 de xuño con documentais aínda por determinar.

Unha descrición poética do que é ser muller e nova en Burkina Faso 

Uagadugú, a capital de Burkina Faso, é o escenario no que un grupo de mozas estudan para se converter en mecánicas de coches. Nun país cun paro xuvenil que supera o 50%, Ouaga girls é unha inspiradora historia sobre as eleccións que se toman na vida, nun momento no que se produce a complicada transición da adolescencia á vida adulta. Con este documental, o primeiro de longa metraxe da súa directora Theresa Traoré Dahlberg, comezará o vindeiro 7 de marzo o ciclo Docs del mes en Vigo.

Outra historia con protagonista feminina e dirixida por unha muller, tomará a remuda de Ouaga girls o 2 de abril. Ese día proxectarase Bobbi Jene, traballo da realizadora Elvira Lind, que toma o seu título do nome da súa protagonista, a bailarina Bobbi Jene, que tras unha década de éxito e fama en Israel decide regresar a Estados Unidos  a traballar de xeito independente. Na súa segunda película documental, Lind amosará a loita dunha muller por manter a súa independencia, volvendo a un país e a unha familia con fortes conviccións católicas, que deixou atrás hai anos.

O 25 de abril chegará á pantalla do auditorio municipal da rúa Areal, Namrud, ópera prima do realizador sevillano Fernando Romero, formado en Austria e Israel, onde traballou con músicos palestinos como director e produtor dos seus vídeos musicais. Namrud, nome que alude ao personaxe bíblico que construíu a Torre de Babel, achegará ás e aos espectadores a historia de Jowan Safadi, famoso e controvertido músico palestino-israelí, que coa súa banda Fish Samak escribe cancións críticas coa sociedade e nas que aborda temas considerados tabú no mundo árabe.
 
 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

32FansGóstame
260SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies