O polígono industrial acolleu hoxe a presentación deste proxecto na súa sede de probas, situada no propio parque empresarial
O Parque industrial e empresarial Porto do Molle sitúase á vangarda da industria do mexillón coa posta en marcha da Unidade Mixta de Investigación (UMI), promovida entre a patronal dos conserveiros Anfaco e o grupo Jealsa-Rianxeira, na nave 7A do polígono.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde xunto ao alcalde de Nigrán, Juan González, o presidente de Jealsa, Jesús Alonso, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites, asistiron esta mañá á presentación da UMI na súa sede de probas piloto, na que se puxeron de manifesto as principais liñas de investigación desta unidade: unha relacionada co concepto “fábrica do futuro”, que se traduce na innovación nos procesos produtivos do mexillón, e outra que traballará na modernización da produción acuícola do mexillón en batea.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a Unidade Mixta de Investigación que une os esforzos da Xunta con Escurís, Rianxeira e Anfaco como “puntal innovador para manter o liderado mundial do sector conserveiro galego”
Pola súa banda o rexedor de Nigrán declarou que “A instalación da UMI Anfaco-Jealsa no Porto do Molle vén consolidar o tecido de empresas presentes no parque empresarial que apostan pola innovación e a investigación como pilares fundamentais para competir nun mercado cada vez máis globalizado”
Esta unidade permitiu xerar 22 postos de traballo con persoal altamente cualificado, 15 investigadores en Anfaco-Cecopesca e 7 en Jealsa e Escurís, entre expertos e directivos. A de Porto do Molle é unha das catro sedes coas que conta a Unidade Mixta e constitúe unha das 19 UMI presentes en Galicia.
A do parque empresarial centrará o seu labor na aplicación de tecnoloxías emerxentes para reducir o impacto ambiental, mellorar a eficiencia do proceso e impulsar a innovación en aspectos relacionados coa calidade e seguridade alimentaria, a sostenibilidade ambiental e a trazabilidade, ademais de apostar pola innovación no cultivo de mexillón e a investigación sobre biotoxinas marinas.




