Medio centenar de barcos xa confirmaron que estarán na liña de saída da proba inaugural do circuíto, que se disputará este sábado, día 28 de xaneiro, baixo a organización do Ro Yachts Club de Combarro
Con esta son xa nove as edicións nas que a Regata Interclubes Ría de Pontevedra convértese no circuíto de cruceiros por etapas máis multitudinario a nivel nacional durante a tempada de inverno. Este próximo sábado, día 28 de xaneiro, disputarase o primeiro encontro de 2023 cunha frota lista para pelexar de novo polo ansiado título, e farao baixo a organización do Ro Yachts Club de Combarro, club encargado de inaugurar e liderar este ano o comité organizador. O Real Club de Mar de Aguete, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Club Náutico de Beluso, o Club Náutico de Portonovo e a Escola Naval de Marín tamén repetirán como sede dunha das seis etapas programadas.
Todo apunta a que o nivel de participación achegarase este ano ao seu récord, e é que a día de hoxe son xa medio centenar as unidades rexistradas entre as catro divisións de ORC, A Dos e Clásicos e Veteranos. Os seis defensores do título nas súas respectivas categorías xa confirmaron que estarán de novo na liña de saída: Orión de Javier Pérez (MRCYB) en Clase 1 Froiz; Balea Dous de Luís María Pérez (RCN Rodeira) en Clase 2 ABANCA; Albarellos de Fernando Rey (CN Portonovo) en Clase 3 North Sails; Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo (CN Beluso) en Clase 4 Murimar Seguros; Secolite de Javier Rey (Ro Yachts Club) en A Dos Opticalia Campelo; e Peregrina de Carlos Núñez (CN Portonovo) en Clásicos e Veteranos Jesús Betanzos.
Non faltarán tampouco moitos dos habituais na pelexa polos primeiros postos da táboa, como son o Ozosana de Juan Carlos Pérez Olmedo (Ro Yachts Club), o Vagalume de Luís Vidal (RCN Sanxenxo), o Espita (CN Beluso), o Quen Vai de Laureano Santiago (RCM Aguete), o Maral IV de Roberto da Puente (CN Portonovo) ou os clásicos Iasi de José Antonio Ortigueira (CN Porotonovo) e Mou de Anxo Mourelos.
A división de Clásicos e Veteranos é precisamente una das que se viu máis reforzada nesta novena edición, contando con ata dez barcos rexistrados e varios debutantes como o Adaxe Catro de Alejandro Diéguez (CY Vilagarcía), Laxe da Canteira de Fabián Garrido (Ro Yachts Club), o Surfeira de David Pérez (CN Portonovo) e o Sara Ou de Xosé Avelino Ochoa (CNS Vicente do Mar).
O sábado, primeiro asalto na ría de Pontevedra
O bocinazo de saída para a primeira cita está programado para as 14:30 horas deste próximo sábado nas inmediacións do Ro Yachts Club, en Combarro. O Comité de Regatas prevé unha tarde de sol e vento do nordeste de entre 12 e 15 nós de intensidade, unhas condicións perfectas que permitirán unha estrea de luxo da novena edición da Regata Interclubes Ría de Pontevedra.
Ademais da vitoria en cada unha das seis categorías nas que se dividirá a frota, os participantes tamén pelexarán polo Trofeo Concello de Poio, Trofeo Concello de Marín, Trofeo Concello e Mariña Nauta Sanxenxo e Trofeo Construcións Castro Figueiro; o Desafío Interclubes ao club mellor clasificado na xeral; o Trofeo da Igualdade, no que puntúan aqueles barcos que conten na súa tripulación con igual ou maior número de mulleres que de homes, e o Premio Magín Froiz en homenaxe póstuma ao que foi un dos grandes impulsores e colaboradores do circuíto desde a súa primeira edición, así como un participante habitual na regata e moi querido por toda a familia da vela galega e a Regata Interclubes.
Como vén sendo habitual nas últimas edicións, previamente ao comezo da etapa deste sábado daranse cita no Ro Yachts Club autoridades, patrocinadores e colaboradores para a tradicional foto de familia. Un acto co que se dará por inaugurada a regata.
A 9ª Regata Interclubes Ría de Pontevedra poderá seguirse en directo a través da plataforma ronsel e conta coa colaboración e o patrocinio do Concello de Sanxenxo, Concello de Marín, Concello de Poio, Nauta Sanxenxo, Abanca, Murimar Seguros, North Sails, Froiz, Opticalia Campelo, Efectos Navais Jesús Betanzos, Informática Landín e Construcións Castro Figueiro.