spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Real Academia Galega acollerá o acto central do Día das Letras...

A Real Academia Galega acollerá o acto central do Día das Letras Galegas, dedicado a Filgueira Valverde, no Museo de Pontevedra

Real-Academia-Galega-acollerá-acto-central-Día-das-Letras-Galegas-dedicado-Filgueira-Valverde-Museo-PontevedraA deputada Ana Isabel Vázquez, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Filgueira, presentaron hoxe a programación dos actos que a Deputación, a través do Museo de Pontevedra, organizará na cidade e na provincia para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura do polígrafo pontevedrés.

A programación foi avanzada por Ana Isabel Vázquez, que destacou que Filgueira Valverde “recuperou a nosa memoria, contribuíu a formar conciencia de país, ofreceu unha visión do mundo desde Pontevedra e traballou en todos os campos do saber, algo que o converte nunha referencia fundamental da cultura galega do século XX”.

A deputada anunciou que a Real Academia Galega desenvolverá no Museo de Pontevedra, o mesmo Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio, a súa sesión plenaria cun acto científico no que tomarán parte todos os académicos.

Fernando Filgueira destacou que os actos servirán para poñer en valor a obra do homenaxeado, con aspectos novos, hoxe un tanto esquecida polas xeracións máis novas de pontevedreses.

De todos os actos subliñou a importancia da representación da obra teatral Agromar, asinada con pseudónimo por Filgueira en 1936, por parte do grupo de teatro pontevedrés Arume. “Nunca se chegou a representar pois o golpe de estado franquista o impediu, aínda que ten gran mérito literario, reflicte diversos problemas sociais e ten aspectos vangardistas coma a autorización que o autor fixo para modificala”, dixo.

Pola súa banda, Carlos Valle pormenorizou os aspectos da exposición “Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia”, que se inaugurará o 24 de abril.

Valle enmarcou a Filgueira na xeración que construíu Galicia a partir do labor do Seminario de Estudos Galegos ou dos renovadores da arte galega contemporánea, e destacou o seu compromiso con ela desde os 17 anos.

A mostra ofrecerá unha visión global de Filgueira e, en sucesivos paneis, unha visión cronobiográfica da súa vida e obra (o intelectual, o galeguista, o director do Museo e do Instituto, o alcalde, o creador literario, o defensor da fala, o polígrafo…). Esta exposición terá carácter itinerante (percorrerá varios concellos da provincia coma A Estrada, Lalín ou Redondela).

As visitas guiadas, os xogos para nenos e adultos ou o desenvolvemento anticipado da Noite dos Museos serán outros aspectos da programación realizada pola Deputación e o Museo de Pontevedra para homenaxear o ilustre pontevedrés ó que este ano se dedica o Día das Letras Galegas.

- Publicidade -spot_img