O Concello de Soutomaior únese aos actos de conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro a través da biblioteca municipal Luís Seoane de Arcade. Durante estes días exporase unha selección sobre a vida e obra da escritora nada hoxe hai 178 anos.
Ademais, o club de lectura en galego da biblioteca municipal conmemorará dita efeméride analizando a obra “Follas Novas” na súa reunión deste mes.
A exposición permanecerá aberta até finais deste mes e conta cunha selección de obras da poetisa galega así como diversas críticas e estudos que outros autores realizaron sobre ela. Situada na primeira planta da biblioteca, a mostra bibliográfica componse por 35 títulos repartidos entre: obras completas, obra poética, obra en prosa, antoloxías, seleccións e publicacións sobre a súa vida, obra e pensamento.
Cabe destacar entre o amplo repertorio os librodiscos de poemas musicalizados para nenos “Rosalía pequeniña”, de Uxía Senlle, e “A miña primeira Rosalía“, con poemas cantados por Xiana Lastra, ademais do exemplar con poesías completas e ilustradas de Follas Novas, da editorial O Patito, e a Revista de estudos rosalianos da Fundación Rosalía de Castro.
Como parte dos actos de homenaxe, o club de lectura en lingua galega, dirixido por Eva Rodríguez Ferreiro reunirase mañá, ás 18:30 horas, e analizará óbraa cume de Rosalía, “Follas Novas” e procederá a unha breve lectura en común do devandito texto.
O club de lectura visitará ao Museo de Pontevedra o mes que vén
Para o próximo mes de marzo o club de lectura da biblioteca municipal de Soutomaior seleccionou a obra de Santiago Postiguillo, “Africanus, O fillo do Consul“. Como complemento ao estudo e o debate sobre o libro, ambientado no século III A.C, está programada unha visitada guiada ao Museo de Pontevedra na que se porá especial atención á colección referida ao Mundo Castrexo, a romanización e a Idade Antiga. A visita, terá lugar a finais do mes de marzo e está aberta a todo aquel interesado na materia.



