·Publicidade ·spot_img
InicioVal MiñorBaionaA Presidenta da Deputación anuncia que o Val Miñor vai dispor de...

A Presidenta da Deputación anuncia que o Val Miñor vai dispor de 7,5 millóns de euros en 2022 para impulsar a súa recuperación

A Presidenta da Deputación anuncia que o Val Miñor vai dispor de 7,5 millóns de euros en 2022 para impulsar a súa recuperación“Baiona, Gondomar e Nigrán teñen na Deputación unha aliada que vai da man dos concellos e que dota á xente de servizos e dereitos para que non teña que irse a vivir a outros lugares”

“Ningunha Administración investiu tanto e con tanto tino para transformar os tres concellos do Valmiñor”. Así o reivindicou hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a súa comparecencia para render contas dos seis anos transcorridos dende o cambio no Goberno provincial, un tempo no que o investimento nesta comarca alcanzou a histórica cifra de 30.256.000 euros. Carmela Silva anunciou, ademais, que o Valmiñor vai dispor doutros 7,5 millóns de euros de fondos provinciais xa o ano próximo para despregar “políticas expansivas que impulsen a recuperación”. Unha inxección que chegará coas novidades do Plan Concellos bianual 2022-23 (dotado con máis de 5 millóns de euros para a comarca) e o plan extraordinario ReacPon (que subvencionará tres grandes proxectos municipais con máis de 2,4 millóns.

A presidenta provincial afirmou que o balance destes 6 anos no Valmiñor “non pode ser máis satisfactorio” e recalcou que Baiona, Nigrán e Gondomar “teñen a unha Administración provincial aliada, que vai da man dos concellos e que permite que a xente, viva onde viva, goce de servizos e dereitos e non teña que irse a outros lugares”. Cualificou os avances deste sexenio como “unha transformación histórica asentada sobre un modelo moi claro de convivencia, cohesión social e territorial e de respecto polo medio ambiente, que defende a posición das mulleres no mundo, a recuperación das vilas para as persoas, un turismo sostible e unha economía avanzada”. Ao detalle, e concello por concello, explicou que en Baiona lévanse investidos 9,4 millóns de euros; 11,2 millóns en Nigrán e outros 9,4 millóns en Gondomar.

Na súa visita ao Valmiñor, ao igual que xa ten feito nos balances para dación de contas á cidadanía realizados nas comarcas do Salnés, Deza e Baixo Miño, a presidenta puxo en valor que estamos diante do maior investimento da historia da Deputación, tanto na comarca como concello a concello. Ademais, engadiu, é a primeira vez que os fondos provinciais se reparten integramente con carácter regrado, obxectivo e transparente “porque hai 6 anos, a forma de gobernar do PP na provincia de Pontevedra era a dedocracia, en base a dous intereses: primeiro, e “sine qua non”, que gobernara o PP e, en segundo lugar, os intereses electorais en cada partido xudicial para traducir os investimentos en números de deputados e deputadas”. Carmela Silva insistiu en que “as políticas caciquís e clientelares” quedaron atrás e agora impera “un modelo claro de transformación da provincia de Pontevedra e no que os investimentos públicos melloran a calidade de vida de toda a veciñanza”.

133 obras, 181 actividades socioculturais e 388 empregos co Plan Concellos

O Plan Concellos, o gran operativo de financiación municipal desta Deputación, foi definido como “a medida estrela”. “Antes os fondos se decidían a dedo e había 20 millóns de euros de libre disposición para repartir como, cando e onde quería o presidente”, explicou. “Eu, como presidenta, non teño nin un euro de libre disposición. É máis, sería un escándalo e mesmo unha sinvergoncería”. A Deputación financiou ao Valmiñor con 17,4 millóns de euros baixo o paraugas do Plan Concellos. Recursos que fixeron posible a execución dun total de 133 obras, 181 actividades socioculturais e a creación de 388 empregos nos concellos “para garantir os servizos superando as dificultades que trouxo aquela tolería da lei Montoro que impedía repoñer persoal”.

A presidenta puxo énfase no impacto dos plans extraordinarios, como:

  • DepoRemse, pensado para a seguridade viaria en espazos públicos municipais.
  • Plan de Reequilibrio beneficiáronse os concellos de Gondomar, “facendo unha obra que creou outro Gondomar, que é a praza da Paradela e contorna; unha obra que creou un verdadeiro centro, unha praza onde antes había unha estrada pola que pasaban vehículos e non paraban”.
  • Ágora, que ten como obxectivo recuperar o 50% do espazo que ocupan os vehículos para as persoas
  • ReacPon dedicaranse ás obras do paseo Pinzón (Baiona); a rúa Otero Pedraio (Nigrán), e a praza de Rosalía de Castro (Gondomar).
  • A área de Infraestruturas investiu preto de 4 millóns de euros para executar un total de 23 proxectos nas 18 estradas provinciais da comarca.
  • Sendas peonís de Nigrán. Carmela Silva aproveitou a súa comparecencia para anunciar que xa están rematados os proxectos das sendas peonís de Nigrán, na EP-2106 Ramallosa-Parada (entre Camos e Chandebrito) e na EP-2102 Nigrán-Vincios (dende Areíña a Parada) e anunciou que en breve asinaranse os convenios co concello do que vai ser “un cambio radical en Nigrán”.
  • Igualdade, que distribuíu preto de 115.000 euros en 67 subvencións para os tres concellos e colectivos sociais. Neste punto Carmela Silva destacou que trátase dun emblema da Deputación que, coa súa proactividade, está a conseguir que “polo menos outras Administracións comezaran tamén a falar de Igualdade”.
  • O departamento provincial de Cohesión Social. A dinamización social con programas destinados para o avellentamento activo e a cohesión lograron a participación dun total de 3.851 persoas ao longo destes seis anos.
  • O servizo provincial de Emprego posibilitou que 112 persoas que remataban os seus estudos universitarios ou de FP superior puidesen ter o seu primeiro contrato, pagado segundo convenio, e iniciar a súa carreira laboral.
  • SmartPeme, un programa singular en toda España e que chegou a un total de 44 empresas do Val Miñor que hoxe avanzaron na súa modernización e integración dixital gracias a un investimento de 156.000 euros.
  • Dixitalización: Praia América, “praia intelixente”
  • En canto ao investimento da área de Turismo, Carmela Silva avanzou o proxecto piloto de “praia intelixente” que se vai desenvolver en Nigrán no marco do programa “Tourist Inside”, financiado pola UE. Cunha dotación de 300.000 euros converterá a praia América nun espazo sostible, con redución da pegada de carbono e que aposta pola calidade na atención ao turista. Unha das medidas concretas que inclúe é unha aplicación móbil que, entre outras cousas, ofrecerá información online sobre tempo real de desprazamento en función do tráfico ou a ocupación das zonas de aparcamento.  A presidenta tamén destacou o crecente número de empresas con selo de calidade turística SICTED e lembrou que a provincia de Pontevedra xa é líder de España en número de  certificados. Unha calidade que tamén chegou ás oficinas de información da Rede Rías Baixas de Baiona e Nigrán coa Q de calidade.
  • Dende a área de Transición Ecolóxica apostouse polo sector primario, subvencionando á Cooperativa de Pesca da Anunciada de Baiona, con 34.000 euros. Ademais, a Deputación impulsou a creación do parque forestal do río Táboas (Nigrán) e os sendeiros azuis de Baiona e Nigrán.
  • A área de Cultura da Deputación empregou 168.000 euros en apoiar o desenvolvemento de 1.022 actividades culturais en Baiona, Nigrán e Gondomar. “Queremos que tódolos concellos dispoñan dunha oferta e que a cultura non se limite ás grandes cidades, queremos cultura en todo o territorio”, recalcou. Ademais, a presidenta significou a defensa da lingua galega cos 36.267 euros para os tres concellos e, finalmente, os 30.959 euros que sumaron as subvencións para para actuacións de recuperación patrimonial e de memoria democrática.
  • O Deporte foi definido por Carmela Silva como unha das grandes apostas da Deputación. “Somos a Administración que máis inviste en Deporte, porque a Xunta conta cunha achega moi importante de Abanca e nós poñemos todo de fondos propios”, lembrou. A achega dende 2016 ata a actualidade totaliza no Valmiñor uns 607.000 euros, que se distribuíron en 351 subvencións a clubs e 27 a deportistas individuais. Ademais de materializarse en 14 escolas deportivas o cofinanciamento de 74 actividades e competicións deportivas celebradas nos concellos.
  • A Administración Electrónica e o Padrón Electrónico chegaron ao Valmiñor da man da Deputación. “Xa era unha obriga legal cando chegamos, pero ningún concello a tiña”, destacou Silva. A Deputación, ademais de proporcionar o soporte tecnolóxico, formou ás/aos traballadoras/as e concelleiras/os. Gondomar e Baiona beneficiáronse, toda vez que Nigrán dispoñía doutro sistema. Silva destacou tamén que a Deputación foi a chave para acceder aos fondos europeos. No Valmiñor foron máis de 407.000 euros distribuídos entre as actuacións de renovación das redes de iluminación pública con fondos do IDAE e a modernización dos puntos limpos de Gondomar e Nigrán con Estraee para adaptalos á normativa europea sobre lixo electrónico e eléctrico.
  • GES do Valmiñor. Finalmente, a presidenta detívose para explicar que a Deputación ten achegado 480.000 euros para o financiamento do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) do Valmiñor con cargo aos compromisos incluídos nos convenios asinados coa Xunta de Galicia para os períodos 2016-18 e 2019-21. Neste senso destacou as dificultades que entraña a sinatura do convenio 2022-24 que a Xunta de Galicia está tratando de impoñer ás deputacións sen negociación previa.
- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade