Esta novela, publicada por primeira vez en 1934, converteuse, desde a súa recuperación por Galaxia en 1967, nun dos libros preferidos polos seus lectores, que fixeron del unha das obras de máis difusión de toda a historia da literatura galega.
É a historia de dous tipos universais, Pedriño e Rañolas, que encarnan dúas maneiras de ser de sempre. O primeiro, que ve o mundo desde a perspectiva da ra, sería quen de comer o seu pai polos pés. O segundo, que se fose rico andaría nun cabalo branco, ve o mundo desde a perspectiva alta do paxaro. Os dous de sempre é a única novela de Castelao.
Ámbolos dous aparecen nesta novela deseñados por Castelao con claridade, con elegancia e con humor. Tamén con excepticismo intelixente.
AOS MOZOS GALEGOS
“Eu quero adicarvos esta miña primeira novela. Fíxena para derramar o tempo que me sobraba, máis que para sentir o gozo de crear unha peza de arte. Prestóume horas de vida feliz e xa me daría por satisfeito co que me divertín ao escrebila; pero foi maxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que algo terá de bó. Estóu seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e tan miña que non podería oferecervos nada mellor.” Castelao
O primeiro capítulo comeza así:
LEMBRANZA DA CASA E DUN PELO DA TÍA ÁGUEDA
A tía Águeda vive nunha casa pequerrecha, sempre ben encaleada, cunha balconeta de madeira entre dúas fiestrasxemelas e unha porta de dúas follas. A casa ten fisonomía de moneco, con ollos, naríz e boca, e logo un caparuchetede tellas na cabeza. Cando a tía Águeda cerra unha fiestra, a casa chisca un ollo.
Dentro todo está fregadiño de sábado, co chan estrado de area do mar ben peneirada. No apousento de recebir loce o sofá de respeto con fundade lenzo cru marcado cunha gran letra vermella bordada a punto de cruz. Na cociña brila unha chocolateira de cobre e pola bufarda do vertedoiro óllase…..