·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoFernando Álvarez, Arturo Barba e Loreto Aramendi farán soar o órgano da...

Fernando Álvarez, Arturo Barba e Loreto Aramendi farán soar o órgano da Concatedral de Vigo no festival 8 pés

Fernando Álvarez, Arturo Barba e Loreto Aramendi farán soar o órgano da Concatedral de Vigo no festival 8 pésOrganizado pola Clásica, o festival contará cunha programación especial de concertos, conversas, mesas redondas e visitas guiadas ao redor do órgano de Alberdi

A Clásica presentou onte a programación completa do festival “8 pés”, que celebra a súa primeira edición do 23 ao 27 de novembro en Vigo. Na presentación participaron Daniel Goberna, prefecto de música da Catedral de Tui e Concatedral de Vigo; José Vidal, párroco da Concatedral de Santa María de Vigo; Santos Héctor, deputado da Deputación de Pontevedra; e Manuel Martínez Torres, director do festival, quen salientou que “este novo evento da Clásica toma como centro o órgano da concatedral de Vigo para poñer en valor o noso patrimonio restaurado”.

O director destacou que “en Vigo contamos cun instrumento excepcional construído por Lope Alberdi no ano 1909 e que foi restaurado por Federico Acitores no ano 2017 pero para que o patrimonio estea vivo e teña vixencia é preciso empregalo”. Baixo esta premisa, nace o festival “8 pés” na cidade. “Con este obxectivo e coincidindo coa semana de Santa Icía, patroa da música, o festival trae concertos, mesas redondas, presentacións e visitas guiadas que permitan á cidadanía achegarse a este instrumento e gozar coa súa fascinante música”, engadiu Martínez.

Nesta primeira edición de “8 pés”, tres organistas de primeiro nivel farán soar o órgano da Concatedral nos seus respectivos concertos: o asturiano Fernando Álvarez, que estará acompañado ao violín por Vicente Cueva; o valenciano Arturo Barba, e a vasca Loreto Aramendi, quen compartirá programa coa Orquesta Clásica de Vigo no concerto de peche do festival.

Unidas a estes tres concertos, haberá conversas previas cos solistas. Ademais, a programación complétase con visitas diarias de martes a venres (17h) ao órgano da Concatedral de Vigo e unha visita guiada o sábado (11h) polos órganos de Alberdi na ría de Vigo (Igrexa de Santiago de Vigo, Concatedral e igrexa de Santiago de Cangas). Tamén con mesas redondas para afondar no coñecemento do instrumento en xeral e do órgano da Concatedral de Vigo en particular. Así, desde o taller Acitores contarán a intervención no órgano da Concatedral en 2017 e somerxerannos na súa historia. Pola súa parte, Marisol Mendive, profesora de órgano, e Daniel Goberna, prefecto de música da Concatedral, falarán sobre o instrumento na igrexa.

Entradas

O festival desenvolverase na Concatedral de Vigo, na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Todas as actividades serán de balde previa retirada de convite na plataforma Enterticket a través desta ligazón e haberá un límite de 2 convites por operación co obxectivo de dar a posibilidade a un maior número de persoas de conseguir a súa entrada, debido ás limitacións de capacidade dos espazos dos eventos.

Sobre “8 pés”

A Orquesta Clásica de Vigo organiza neste 2021 por primeira vez o festival de órgano “8 pés”, unha aproximación ao instrumento desde a curiosidade para coñecer unha música misteriosa e única. Nela conxúgase a historia, a tradición e a modernidade, concentrada nun instrumento abraiante que pasa desapercibido nas igrexas polo seu carácter secundario. Así, o festival xorde como unha oportunidade para abrir o órgano á cidade, nunha programación diversa pensada para descubrir, gozar coa súa música e poñer en valor o noso patrimonio restaurado.

O festival “8 pés” está financiado pola Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas e conta coa colaboración da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), o Concello de Vigo e a Naviera Mar de Ons.

 

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade