Inicio Vigo e área Redondela A performance 'A última cea' de Uxía Morán centra os actos do...

A performance ‘A última cea’ de Uxía Morán centra os actos do 25N en Redondela

A performance 'A última cea' de Uxía Morán centra os actos do 25N en RedondelaA performance ‘A última cea’ de Uxía Morán centra os actos do 25N en RedondelaAnte ameaza de choiva, o Multiúsos da Xunqueira foi o escenario escollido para desenvolver o acto institucional conmemorativo do 25N do Concello de Redondela e no que Uxía Morán, con ‘A última cea’ foi a encargada de visibilizar a través dunha performance “moi dura”, a traxedia das mulleres que sofren diariamente a violencia machista nas súas máis diversas expresións.

Os actos abríanse cun minuto de silencio que, como sinalaría posteriormente a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas, “era un berro silencioso de toda a sociedade pedindo o fin da auténtica lacra social do século XXI: a violencia machista”.

De seguido, e no paseo da Xunqueira, Uxía Morán representaba, con toda a dureza, a historia dunha muller “reflexo de moitas mulleres” sinalaría despois, que soña “cunha voda ideal, un matrimonio ideal e unha vida ideal ata que todo iso esvaécese e comeza o maltrato, o golpe, a fractura o trauma”. Cun dramatismo absoluto e vestida de noiva, os movementos de Uxía Moran amosaban o intento desesperado desa muller por seguir vivindo esa ilusión.

“Non saberemos nunca –afirmou a actriz– se esa muller sobreviviu, se tivo o valor de quitar ese vestido, se puido aprender e se conseguiu refacer a súa vida ou non o conseguiu, como outras moitas que non están xa con nós”.

Visiblemente emocionada, Uxía Morán, apuntou que “actos como este, son para lembralas e para lembrarlle á sociedade que aí fora hai moitas mulleres que precisan de axuda”.

Trala performance que a ninguén deixou indiferente é que foi cualificada polos presentes como de “terriblemente dura”, Josua Mateo, fillo da asasinada pola violencia machista, Sesé Mateo, lía un manifesto cargado de reinvidicación e no que lembraba a loita das irmás Mirabal, ‘As bolboretas’, polos dereitos humanos e contra calquera tipo de opresión, loita que lles custaría a vida pero que marcaría o camiño a seguir.

Na súa intervención a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que este acto tiña como obxectivo “visibilizar a senrazón da violencia machista, pero –afirmou– a loita contra esta barbarie non se pode cinguir a un só día, senón que ten que ser unha labor continuada dos 365 días ao ano e unha labor conxunta de toda a sociedade”.

A actuación de Uxía Moran, engadiu, “ofrécenos unha visión única do horror que viven as mulleres que sofren malos tratos, sexan estes do tipo que sexan. Tiven a oportunidade de mirala por primeira vez no 2017 en Tomiño, sendo deputada de Cohesión Social e, á hora de elaborar este programa, non tiven ningunha dubida sobre a necesidade de traela porque era a mellor forma de deixar ao descuberto a barbarie da violencia sobre as mulleres”.

A alcaldesa e concelleira de Igualdade, adiantou que Josua Mateo, en colaboración con profesionais directamente implicados na loita contra a violencia machista, como pode ser a Asociación de Mulleres Xuízas, “está a elaborar un protocolo de actuación para os casos de violencia machista, para poder orientar ás persoas vítimas dese horror”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies