A través de “Armería Marítima” Espiñeira reflexionou sobre o amor propio e a importancia de “sementar en comunidade para acadar unha sociedade mellor”
A música de Sofía Espiñeira na que as historias e rituais sobre as plantas silvestres da nosa contorna son protagonistas serviu onte para reflexionar en Moraña sobre a situación que viven as mulleres, a importancia do amor propio e a necesidade de “sementar en comunidade para acadar unha sociedade mellor” que permita rachar coas violencias machistas. No arranque de “Mulleres en acción. Violencia Zero” tralas dúas performances iniciais do programa en Pontevedra e Vigo o pasado 25 de Novembro, Sofía Espiñera a través da súa “Armería Marítima” reflexionou, ante un grupo de alumnas e alumnos de 3º da ESO do CPI Plurlingüe Santa Lucía de Moraña que estiveron acompañados da deputada de Igualdade, Vicky Alonso, e da tenente de alcaldía, Norma Caldas, sobre o medo, a necesidade que teñen as mulleres de defenderse ou sobre aquelas que non tiveron a liberdade de decidir ou non poden escapar das fronteiras.
Trátase do arranque de “Mulleres en acción. Violencia Zero” tralas dúas performances iniciais do programa en Pontevedra e Vigo do pasado 25-N
Co título de “Armería Marítima”, a planta que medra en lugares hostís pero é ornamental nos xardíns, Sofía Espiñeira fiou cada un dos temas sobre os que reflexionou en Moraña con historias e rituais sobre as plantas silvestre da nosa contorna. A través da súa música Espiñeira afondou no mundo no que vivimos e aquel no que desexamos habitar, no medo e as súas súas reaccións, que poden pasar dende o escape, o lamento ata o ataque. Recordou tamén ás mulleres do pasado, “que tiveron unha situación máis complicada que as mulleres de agora, que non puideron estudar ou aprender” , ou a aquelas que non teñen a liberdade de decidir ou non poden escapar das fronteiras. Tamén apelou á necesidade das mulleres de defenderse e, da man da música, fixo reflexionar ao alumnado sobre as estruturas que nos compoñen, a súa fraxilidade e fortaleza, a mirada nos nosos corpos, as raíces que nos alimentan e o hábitat no que vivimos.
Con esta acción de Sofía Espiñeira en Moraña arranca a itinerancia do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero” que, nesta sétima edición, leva o lema de “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Tralo seu paso por Moaña e as dúas performances inaugurais do 25 de novembro en Pontevedra e Vigo, este programa da Deputación que emprega diferentes manifestacións culturais para provocar unha reacción social contra a violencia machista, visitará tamén en decembro Meaño, da man da danza urbana de Eva Comesaña. En xaneiro proseguirá en Silleda e Forcarei coas accións escénicas de Beatriz Serén e Atenea García e, ata novembro do 2022, continuará percorrendo con música, danza, performances e outras iniciativas artístico-culturais os concellos de Oia, Agolada, Caldas, Moaña, A Lama, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.



