spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA música, a gastronomía, as experiencias e a natureza claves do festival...

A música, a gastronomía, as experiencias e a natureza claves do festival ‘PortAmérica 2019’

A música, a gastronomía, as experiencias e a natureza claves do festival 'PortAmérica 2019'O primeiro dos #RíasBaixasFest, que integrará a sustentabilidade e a igualdade, celebrarase na contorna da carballeira de Caldas de Reis os días 4, 5 e 6 de xullo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Turismo, Santos Héctor, do alcalde de Caldas, do Director de Agadic, do chef Pepe Solla, e de promotoras e patrocinadoras, asistiu esta tarde no Palacete das Mendoza en Pontevedra, á presentación de PortAmérica, o primeiro dos #RíasBaixasFest que se celebrará en Caldas de Reis os días 4, 5 e 6 de xullo. Como todos os anos, o Festival integrará a música, a gastronomía e a natureza como os verdadeiros motores do evento, que tamén estará marcado polas campañas de sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente e a igualdade.

Na súa intervención, a presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que “estamos ante un festival único no mundo, un dos festivais máis consolidados das Rías Baixas no que se combina a perfección a música e a gastronomía de calidade e que permite crear experiencias inesquecibles para o público”. Silva que enxalzou “o cartelazo que temos este ano que, amais, ten un 33% de mulleres o que lle converte nun dos festivais máis igualitarios”, animouse a dicir que “non me ides a sacar de Caldas”, e agradeceu o esforzo das empresas patrocinadoras e promotoras “porque PortAmérica mostra que a industria musical xera actividade económica, riqueza e emprego”. A presidenta da Deputación puxo tamén o aceno na importancia gastronómica do evento. “Están os e as máis grandes chefs da nosa provincia e doutros países. Falamos de gastronomía top co mellor produto do mundo”, dixo Carmela Silva. A presidenta subliñou igualmente a importancia do patrimonio natural no Festival “que se fai nunha Carballeira que fala do que somos nós”. Silva rematou poñendo en valor as campañas de sustentabilidade e de igualdade no Festival e da presenza conxunta das administracións públicas e das empresas privadas “porque cando traballamos xuntas e xuntos sempre somos máis fortes”

Respecto á parte gastronómica, o chef Pepe Solla, que dixo que desde un punto de vista global “é o mellor festival do mundo”, revelou que 30 cociñeiros e cociñeiras de varios países, varios “soles” Repsol, estarán en PortAmérica, que manterá o seu vínculo con América Latina coa presenza de chefs de Chile, Perú, Panamá, México e Colombia. Amais, a zona de showrocking cambiará de localización co fin de aumentar algún dos espazos do festival e do aforo para que o público estea máis cómodo. En definitiva, dixo Solla, “para que a xente teña máis facilidades e podamos dar resposta a tanta demanda”. En canto aos grupos musicais e as e os cantantes que participarán PortAmérica 2019 están Madness, Andrés Calamaro, Rozalén, Carlos Sadness, Depedro, Amaia, La Casa Azul, Mon Laferte, Zahara e Sidecars, entre moitos máis.

Segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela PortAmérica ten un impacto económico de preto de 2 millóns de euros, un retorno do investimento de ao redor de 2 euros por cada euro investido e un impacto comunicativo que se traduce en máis de 3 millóns de euros. PortAmérica, ao que a Deputación destina este ano máis de 90.000 euros, é o principal festival de música independente de Galicia e de música independente nacional con programación Iberoamericana. Ademais, é o único festival nacional con presenza en Latinoamérica, e o único festival galego que ten unha canle audiovisual propia.

Durante as sete edicións do festival, e contando os dous lugares nos que se celebrou logrou convocar ao redor de 170.000 persoas. En concreto, o ano pasado estímase que se crearon preto de 500 postos de traballo directos e indirectos e, amais, Caldas de Reis conseguiu un 100% da ocupación hoteleira. Tamén, nos anos 2015, 2017 e 2018 o festival recibiu o Premio Fest como “mellor zona gastronómica”.

PortAmérica está integrado na marca #RíasBaixasFest, que impulsa a Deputación de Pontevedra desde o ano 2016, e na que se integran tamén o Atlantic Fest, Vive Nigrán, SinSal, SonRías Baixas, Revenidas e O Marisquiño. Amais, como novidade, a Deputación realizará este ano un informe big data para coñecer os hábitos das persoas que asisten aos festivais, as súas características sociais e os aspectos que lles interesan da provincia.

- Publicidade -spot_img