spot_img
InicioCondado ParadantaA IV edición dos Premios Sofía Novoa premia a perspectiva de xénero...

A IV edición dos Premios Sofía Novoa premia a perspectiva de xénero de estudantes de Pontevedra, Vigo, Salceda e Redondela

A Deputación de Pontevedra anuncia a convocatoria dos IV Premios Sofía Novoa Ortíz
Cartaz Premios Sofía Novoa Ortíz da III edición

O acto de entrega terá lugar o mércores, 5 de febreiro ás 20 horas, na recentemente inaugurada nova sede da Deputación na cidade de Vigo

A Deputación de Pontevedra vén de dar a coñecer o fallo do xurado da cuarta edición dos premios Sofía Novoa, convocados pola administración provincial, en colaboración coa Universidade de Vigo, para recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de máster  presentados nos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense durante o curso 2018/2019. O acto de entrega terá lugar o vindeiro mércores 5 de febreiro, ás 20.00 horas, na nova sede da institución provincial en Vigo, situada no Casco Vello da cidade, na rúa Eduardo Chao.

Na modalidade de Traballos de Fin de Grao os primeiros premios foron para Karen Giselle Engster Appezzato, de Salceda de Caselas, polo seu traballo “Constitución española inclusiva. Estudio previo y propuesta de redacción”; e Cristina Pérez Carmuega, de Pontevedra, por “Trabajar con perspectiva de género a través de la metodología por proyectos en la Educación Infantil”. Ambas son premiadas con 1.000 euros. Nesta categoría tamén é premiada, con 600 euros, a viguesa, Antía Álvarez Martínez, que presentou o traballo “Menores transexuales en el ámbito educativo”.

Pola súa banda, na modalidade de Traballos Fin de Máster, o xurado decidiu premiar con 1.000 euros a Marta Molina Rivera, de Vigo, por “Sensibilización e formación en igualdade de xénero do profesorado de formación profesional”, e a Rut Guinarte Mencía, de Redondela, polo traballo “Mediando a temática do traballo de coidados na aula de inglés: co-construíndo novas realidades igualitarias”. Tamén é galardoado, neste caso con 600€, Fernando Miguel Otero Fernández, de Vigo, polo seu traballo “A situación do alumnado trans no Ensino Secundario de Galicia”.

Con esta nova edición dos premios Sofía Novoa a Deputación de Pontevedra continúa apostando por apoiar traballos e iniciativas que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade. Amais estes galardóns poñen en valor e visibiliza a figura histórica de Sofía Novoa, unha muller silenciada e esquecida.

Este ano o xurado estivo presidido por Isaura Abelairas, deputada de Igualdade da Deputación, e integrado por Noemi Outeda, tamén deputada provincial,  Carmen Armada, profesora de filosofía na Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Vigo, campus de Ourense), Mari Lires, profesora da Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Vigo, campus de Pontevedra), Lucía Muradas, xefa do servizo de Igualdade da Deputación e Ana Isabel Amoedo, técnica de dito servizo.

- Publicidade -spot_img